domingo, septiembre 17, 2017

Ante os nacionalismos exclusivos Galicia apostou polo galeguismo inclusivo, plural e adaptado ao século XXI

Feijóo, destacou que fronte aos nacionalismos exclusivos Galicia elixiu outro camiño, “o seu camiño”, un galeguismo inclusivo, plural e adaptado ao século XXI. E incidiu en que o papel da Comunidade ante os desafíos do Estado das Autonomías será mantelo; “esa é a mellor lección que nos deu sempre o presidente Albor”, dixo, durante a conferencia Galicia e os desafíos do Estado das Autonomías, dentro do acto de entrega da Medalla do Traballo ao ex-presidente da Xunta.
Interpretando o sentimento de moitos galegos, Feijóo repudiou deste xeito o ataque á legalidade que está a vivir Cataluña e uniuse aos demócratas “que, no Goberno ou na oposición, lle fan fronte coas ferramentas da democracia”. “Fágoo como demócrata, como español e como galego”, aseverou, expresando o seu convencemento de que a democracia prevalecerá como prevaleceu fronte ao golpismo e o terrorismo.
Ao longo da súa intervención, o responsable do Executivo autonómico lembrou que a breve pero intensa historia do autogoberno de Galicia é a historia dun grande éxito colectivo xeral no que desaparecen muros e se tenden pontes. Unha idea que quedou condensada no sentidiño do presidente Fernández Albor.

“Galeguismo inclusivo e nacionalismos exclusivos parten de visións antagónicas da pluralidade social. Alí onde uns ven enriquecemento, vitalidade e liberdade, outros perciben unha ameaza contra a súa idea de país homoxéneo, pétreo, hermético e pechado”, abundou.
Feijóo precisou así que o galeguismo do século XXI non está afectado pola hispanofobia obsesiva e a eurofobia pugnaz que afectan a algúns nacionalistas que non admiten nin entenden o rico acopio de identidades. E, nesta mesma liña, asegurou que conceptos como independencia, desconexión ou autodeterminación son perigosos anacronismos nun mundo interdependente, conectado e con actores mutuamente determinados.
“Nin Galicia nin Cataluña, nin ningún outro país dotado de personalidade, pode aspirar a defendela retrocedendo no tempo, senón incorporándose ao tempo presente e compartindo o seu ritmo”, aseverou.
Un galeguismo leal co marco constitucional e estatutario adoptado polos galegos
Así mesmo, salientou que o galeguismo que une os galegos é un galeguismo leal co marco constitucional e estatutario adoptado polos galegos. Lealdade que, segundo precisou, non é sinónimo de submisión, nin equivale a renunciar a reivindicacións diante de calquera instancia que dane os intereses dos galegos, pero si é necesaria para que o terreo político non quede a mercé de demagoxias que utilizan a forza da desobediencia sistemática como .
Feijóo insistiu en que “pretender reformar a Constitución cos que simplemente non queren ningunha Constitución española é un camiño estéril que conduce á frustración”, destacando a necesidade de non caer na trampa de comparar o actual e real Estado das Autonomías cun federalismo ideal, impreciso e, en ocasións, platónico.

Xa na clausura do acto simposio Xerardo Fernández Albor e o seu tempo. Cen anos dun presidente, Feijóo afirmou que na Galicia de hoxe todos os galegos sentímonos herdeiros da súa palabra, da súa obra e do seu sentidiño. “Se España atopa en Adolfo Suárez o líder idóneo para capitanear a Transición, o noso país ten a fortuna de partir cara á democracia con Xerardo Fernández Albor á fronte”, asegurou, precisando que poucos como el souberon interpretar con tanto acerto ese carácter sereno, pero efectivo, dos galegos.
O responsable do Goberno autonómico aproveitou o desenvolvemento do acto para destacar a contribución do ex-presidente ás tres grandes realidades das que formamos parte como galegos, como españois e como europeos. En todas elas, lembrou, Albor participa como un home de concordia que contribúe a unificar Europa, a unificar España e a unificar Galicia.
Ademais desa faceta, o titular da Xunta quixo referirse tamén aos valores que van máis aló do político, pero que tamén inflúen na política: “Albor ten o compromiso sanador de calquera bo médico, a mente aberta de todos os europeístas convencidos, o espírito conciliador que caracteriza aos españois que miran máis ao futuro que ao pasado, e tamén ese sentidiño galego que nos fai ser como somos”, concluíu.
 

No hay comentarios: