domingo, junio 04, 2017

CELEBRACION DO DIA DO MEDIOAMBENTE

Feijóo,avanzou a entrada en vigor o ano que vén do Plan reitor de uso e xestión do Parque Natural do complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán; un plan que definirá polo miúdo os usos permitidos e marcará as pautas de actuación.
Durante o acto de celebración do XXV aniversario do parque e do Día Mundial do Medio Ambiente, Feijóo asegurou ademais que en setembro deste ano se darán a coñecer os resultados do estudo da evolución e uso público da duna de Corrubedo.
Convencidos de que a forma máis eficaz de protexer o patrimonio natural é que se coñeza, Feijóo destacou o compromiso da Xunta para poñer en valor os parques naturais impulsando os recursos e servizos necesarios para visitalos, elaborando e desenvolvendo unha programación de actividades e continuando coa promoción.
Con este obxectivo, resaltou que desde 2009 o Goberno galego leva investidos case 3 millóns de euros neste parque para poñer á disposición do visitante: un servizo de divulgación e promoción do turismo de natureza; a Casa da Costa, que alberga un centro de información ao visitante; o Centro de Interpretación do Litoral de Galicia, que conta cunha exposición permanente sobre o parque e o resto do litoral galego; o Observatorio de Aves de Vixán, que permite contemplar as especies que habitan na lagoa; e cinco rutas que permiten coñecer os principais valores deste lugar, que alberga diversos hábitats.
Así mesmo, lembrou a posta en marcha do Plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural de Galicia; unha iniciativa que se desenvolverá ao longo dos próximos catro anos para identificar os espazos imán da Comunidade. Ao respecto subliñou que xa se identificaron 17 coas áreas de influencia delimitadas en radios de 30 a 50 km, para estender o impacto económico que xeran.
Ao longo da súa intervención Feijóo reafirmou o compromiso da Xunta co patrimonio medioambiental de Galicia. E nesta liña resaltou que o número de visitantes aos seis parques naturais galegos creceu un 33 por cento, pasando dos 236.000 visitantes en 2015 aos 314.000 en 2016; sendo o de Corrubedo o segundo máis visitado, con máis de 63.000 visitantes o pasado ano.
Feijóo concluíu lembrando que hai 25 anos, coa sinatura do decreto polo que este espazo se declaraba parque natural, os galegos referendaban o compromiso de Galicia coa súa paisaxe. “Hai 25 anos os galegos escollemos ser responsables, para coidar este legado, e xenerosos, porque o fin último é que os galegos do mañá poidan coñecer este lugar nas mesmas condicións nas que se pode apreciar hoxe”, aseverou.

No hay comentarios: