domingo, junio 18, 2017

131 BANDEIRAS AZUIS

Feijóo destacou as 131 bandeiras azuis das praias e portos galegos como a mellor porta de entrada para descubrir a riqueza natural de Galicia.
Durante o acto de entrega, Feijóo afirmou que estas bandeiras son o resultado da aposta colectiva pola conservación do litoral. Un litoral rico en flora e fauna terrestre e mariñeira; seguro, con servizos de salvamento, socorrismo e primeiros auxilios; e accesible para as persoas con discapacidade.
Así mesmo, destacou que Galicia seguirá sendo líder en sendeiros azuis, que distinguen os 26 camiños cara ás praias e aos portos máis respectuosos co medio natural; e contará con 14 centros azuis, nos cales se ofrece educación ambiental e cunha distinción temática, este ano para o concello de Muros, polo seu traballo en información e educación ambiental.
O responsable do Goberno galego referiuse aos máis de 1600 quilómetros de costa como economía, cultura, tradición, turismo e paisaxe. “E estas 131 bandeiras azuis significan que estamos a cumprir o principal desafío que nos presenta o litoral: conxugar o seu aproveitamento humano co respecto ao medio ambiente”, aseverou, ao que engadiu a proposta de que as Illas Atlánticas e o parque nacional do que forman parte sexan recoñecidas tamén como Patrimonio da Humanidade.
Neste mesmo sentido destacou que a porcentaxe de augas en bo estado na Demarcación Galicia- Costa subiu dun 70% ao 77%.
Non en van a Xunta leva investidos 1100 millóns de euros en saneamento nos últimos oito anos, coa posta en marcha de 45 depuradoras. “Nesta lista está xa a de Cabo Silleiro e estará dentro de moi pouco a de Vigo, unha das infraestruturas de saneamento máis complexas da fachada atlántica europea, un investimento de 230 millóns de euros”, afirmou.

No hay comentarios: