martes, mayo 23, 2017

GALICIA CONXELA AS MATRICULAS UNIVERSITARIAS

Galicia volverá ser o próximo curso 2017/18 a comunidade de España cos prezos de matrícula universitaria máis baixos. “Galicia é a comunidade onde é máis barato estudar unha carreira e queremos que o siga sendo”, dixo Feijóo, lembrando que “levamos conxelando as taxas todos os anos desde que chegamos ao Goberno, na súa totalidade ou na primeira matrícula”.
Así, no caso dos graos universitarios, subliñou que o prezo medio das primeiras matrículas de grao -que representan o 78 % do total- mantéñense en 11,89 euros/crédito, o máis baixo de España e menos da metade dos 25,14 euros de comunidades como Cataluña. E, no caso dos máster os prezos son os segundos máis baixos, cunha media de 26,49 euros, 11 euros/crédito menos que a media nacional e moi lonxe dos 65,87 euros/crédito de Cataluña.
“E hoxe, volvemos manter as taxas das Universidades públicas galegas como as máis baixas de España porque estamos convencidos de que é o xusto: para os estudantes, que deste xeito non terán que quedar fóra do ensino universitario por causas que non sexan puramente académicas; e para Galicia, porque así garantimos que os títulos universitarios se obteñan en función do talento e o esforzo de cadaquén, non da súa renda familiar”, abundou.
Durante a súa intervención, Feijóo salientou que esta iniciativa forma parte dun paquete de medidas de apoio aos estudantes universitarios, xa que ademais da conxelación das taxas tamén se convocará un ano máis a liña de axudas para o inicio e continuación de estudos, dirixida a quen non cumpriran os requisitos académicos adicionais esixidos polo Ministerio.
Así mesmo manterase a convocatoria das axudas dirixidas a cubrir as causas imprevistas que poidan afectar á continuación de estudos universitarios. E convocarase tamén como a liña específica de axudas para o inicio de estudos de máster dirixidas a persoas en situación de desemprego.
O presidente da Xunta concluíu salientado que a conxelación das taxas universitarias permitirá a cada familia galega cun fillo estudante dun grao aforrar 350 euros ao ano, e 660 euros anuais no caso das familias con fillos estudantes de máster. “Tendo en conta que cada grao dura catro anos, estamos a falar dun aforro de arredor de 1.400 euros durante a traxectoria universitaria de cada un dos seus fillos”.

No hay comentarios: