domingo, mayo 07, 2017

APOIO OS VITICULTORES: REBAIXAS FISCAIS, CREDITOS BLANDOS, AXUDAS A REPLANTACIÓN

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, trasladou á reunión do Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios de hoxe en Madrid a dobre problemática que está padecendo Galicia pola seca e as xeadas.
O obxectivo de Ángeles Vázquez é coordinar co Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente a estratexia a seguir e, neste sentido, o Goberno central mostrouse sensible a esta situación e aberto a buscar liñas de colaboración.
De feito, Ángeles Vázquez adiantou que ao longo desta semana está previsto un encontro entre Entidade Estatal de Seguros Agrarios (Enesa), Agroseguro, técnicos da consellería e as denominacións de orixe de viño afectadas polas xeadas para analizar a situación dos seguros no sector vitivinícola e explicar toda a información ao respecto da contratación de pólizas.
“O ministerio foi sensible con este tema en Galicia porque tras levar varios meses en prealerta por seca sufrimos un paradoxo que non é habitual”, sinalou a titular de Medio Rural. A conselleira pretende que se axilicen os pagos daquelas explotacións que teñan aseguradas as súas terras para favorecer a súa actividade económica.
Así, o Ministerio está analizando as posibilidades de colaboración, por exemplo, a través de financiamento de circulante e a unificación dos tipos de interese. Ademais, como xa ten anunciado beneficios fiscais na actual campaña do IRPF para as zonas afectadas o pasado ano polo pedrazo, tamén valorará, a petición da Consellería do Medio Rural, rebaixas para as áreas produtoras de viño danadas polas xeadas para o próximo exercicio. “O Goberno deu resposta o ano pasado ás nosas demandas e cremos que tamén este ano o fará”, declarou a conselleira.
A este respecto hai novidades conxuntas para os gandeiros e agricultores de todo o territorio español, pero tamén específicas para cada comunidade autónoma. No caso de Galicia, atenuarase a presión fiscal nas zonas vinícolas de Monforte de Lemos e Sober, en Lugo tanto para cubrir aos produtores amparados na DO Ribeira Sacra como os que non. No caso de Ourense, os concellos beneficiados son O Barco de Valdeorras, Larouco, Monterrei, Oímbra, Petín, Rubiá e Vilamarín e tampouco neste caso están obrigados a pertencer ás DO.
Toda esta serie de medidas completarán as que xa se están articulando a través da Consellería do Medio Rural, como a creación dunha liña de créditos brandos específica para o sector afectado en coordinación coa Consellería de Economía, Emprego e Industria. Ademais, se está preparando unha orde de axudas para a replantación, de tal forma que todos os afectados que perdan plantas, poidan ter produción en anos vindeiros.

No hay comentarios: