martes, abril 04, 2017

15112 FAMILIAS BENEFICIANSE DA TARXETA BENVIDA

José Manuel Rey Varela compareceu no Pleno do Parlamento de Galicia para dar conta do alcance do Programa de Apoio á Natalidade (PAN), integrado por un conxunto de medidas –en moitos casos pioneiras-, das que xa se teñen beneficiado 37.648 familias a través da Tarxeta Benvida, o Bono Coidado ou o Bono Concilia entre outras. “A nosa meta é contribuír a que Galicia sexa un lugar mellor para vivir e formar unha familia”, afirmou o titular autonómico.
Rey Varela informou de que ata a data, 15.112 familias se están a beneficiar da Tarxeta Benvida, unha axuda económica directa de 100 euros mensuais por un ano co obxectivo de contribuír a sufragar os gastos básicos que supón o nacemento ou adopción dun fillo ou filla durante os seus primeiros doce meses de vida. O conselleiro destacou que a tarxeta se ampliou aos nenos e nenas nados en 2017 e ademais, “aquelas familias que estean en situación de garda con fins adoptivos dun menor dun ano, tamén poderán ser titulares da tarxeta”, engadiu o conselleiro. A Xunta de Galicia consignou un gasto plurianual de 18 millóns de euros para esta medida que chega a preto do 80% dos fogares galegos que contan cun novo membro na familia.
O titular autonómico lembrou que grazas ao PAN, a Xunta de Galicia puxo en funcionamento as primeiras 30 casas niño, que axudan a 150 familias a conciliar a súa vida persoal e laboral. “Este ano, seguiremos estendendo este recurso en concellos rurais de menos de 5000 habitantes coa apertura doutras 30 casas niño máis”, afirmou Rey Varela.
Outros programas do PAN que se están a consolidar son o Bono Concilia e o Bono Coidado. O primeiro consiste nunha achega económica para colaborar no pago dunha praza de escola infantil naqueles casos en que non consigan unha escola pública ou nun centro financiado con fondos públicos; mentres que o segundo é unha axuda económica para contribuír no pago do importe dun servizo de atención aos nenos a domicilio por doenza, enfermidade puntual ou por outro imprevisto ocasional no caso de que os pais e nais traballen e non poidan levalos a unha escola infantil ou outro recurso. No seu conxunto, ambas medidas benefician nestes momentos a 2.670 familias en Galicia.
A área de conciliación do PAN tamén comprende as prazas en escolas infantís e as prazas subvencionadas con fondos públicos. No presente curso a Xunta ofertou un total de 22.315 prazas. Unha cifra que aumentará no vindeiro curso escolar xa que “a Xunta porá á disposición das familias 22.439 prazas e un ano máis, Galicia superará a ratio de cobertura aconsellada pola Unión Europea, situándose nun 38%”, apuntou o titular da carteira social.
Dentro das medidas en prol da demografía galega, o conselleiro destacou que Galicia é “a Comunidade Autónoma con maiores deducións por natalidade”. Ao fío disto, lembrou a publicación o pasado luns no Diario Oficial de Galicia da orde para a prestación por fillo a cargo menor de 3 anos, tamén enmarcada no PAN. Grazas a ela, aquelas familias que non tiveran obriga nin presentasen a declaración do IRPF en 2015, terán dereito a percibir esta prestación, que consiste nun pagamento único de 360 euros pola primeira filla ou fillo, de 1200 euros pola segunda ou segundo e de 2400 euros polo terceiro e sucesivos. Rey Varela finalizou a súa intervención destacando que estas medidas e as que se irán desenvolvendo nos vindeiros anos no ámbito da conciliación terán como obxectivo que os 313 concellos de Galicia conten cun recurso de conciliación no horizonte do ano 2020 e alcanzar unha porcentaxe de cobertura en escolas infantís de máis do 40%.

No hay comentarios: