domingo, marzo 12, 2017

OS ALCALDES DO PP DA AREA DE VIGO NON ACEPTAN A LIMOSNA DUN "PLAN MICROPOLITANO"

“Non queremos a limosna do Plan Micropolitano”, así de contundentes se amosaron os alcaldes e voceiros populares dos 14 concellos da área de Vigo.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo explicou que “os alcaldes do PP non van aceptar un plan que non é igual ao resto de Galicia. Pedimos o mesmo que hai na Coruña, en Ferrol, en Santiago ou en Lugo. Abel Caballero non admite ser igual que o resto de grandes cidades e leva aos habitantes da área de Vigo e aos seus propios veciños a un transporte de segunda”.
Neste sentido consideran que o plan micropolitano que propón agora é un engano, unha migalla e un plan de segunda que ofrece aos alcaldes que o secundaron e do seu signo para tapar o fracaso da Área Metropolitana que, segundo o propio alcalde de Vigo, funcionaba “a pleno rendemento”.
Nidia Arévalo, que xunto ao alcalde de Redondela, Javier Bas, actuou como voceira dos populares, sinalou que é difícil entender como, despois da tantas discusións, Abel Caballero decide romper con todo unilateralmente e deixar tirados aos alcaldes que o secundaron na súa fuxida cara adiante.

Os populares entenden que “os alcaldes e portavoces deses concellos que se adscriban ao plan micropolitano terán que explicar aos seus veciños por que aceptan ser menos que os outros concellos de Galicia e por que aceptan ese transporte de segunda e que expliquen de paso porque asumen a “Tasa Caballero” que leva a todos a pagar de máis”.
Deste xeito, indicou que “isto non vai só dos veciños dos concellos pequenos, vai tamén dos veciños de Vigo que teñen que pagar esa ‘Tasa Caballero’, porque esa bandeira do victimismo na que se envolve Caballero a quen prexudica tamén é aos seus propios veciños”.
Nesta liña tamén se pronunciou Javier Bas, que dixo que “o problema é que esta actitude de Caballero implica a morte da Área Metropolitana. Sen transporte non hai Área, pero sen área tampouco hai outros servizos que estaban previstos e que van quedar sen desenvolver: urbanismo, augas, emerxencias... Con todo iso rachou Caballero. Quedou claro que quería a Área como unha plataforma. Se non, tería seguido adiante”.
O alcalde de Redondela tamén indicou que Abel Caballero nin cumpriu coa súa palabra de aplicar o convenio que firmara con outras administracións nin cumpriu a súa palabra de respectar o Contencioso. “Estalle faltando ao respecto a todos os veciños e tamén ao xuíz con ese recurso que dixo que gañaría e do que agora non quere saber nada”.

No hay comentarios: