domingo, febrero 19, 2017

O PPdeG PEDIRA UN INFORME SOBRE O BREXIT

Pedro Puy considera que “é o momento de que o Goberno galego faga un estudo para saber cales son os escenarios que se abren” coa saída do Reino Unido da Unión Europea. O Grupo Popular defenderá no Pleno desta semana unha proposición non de lei a través da que se solicita á Xunta que elabore, coa participación do Consello de Acción Exterior de Galicia, un informe sobre os posibles impactos do Brexit na economía galega e nos seus sectores produtivos. “Estamos nun momento de incerteza económica a nivel internacional, polo que temos que estar pendentes das afeccións que esta situación pode ter na economía galega”, apuntou.
Pedro Puy cualificou de “lamentable” a decisión do Reino Unido de saír da Unión Europea “porque é a primeira vez que o proxecto europeo ve como un dos seus membros decide retirarse e non continuar mellorando as institucións europeas para facelas máis comúns e eficaces na resposta aos problemas dos cidadáns”. O portavoz popular subliñou que ante esta situación “debemos estar pendentes e valorar que impacto pode ter na economía galega, que nos últimos tempos ten incrementado as relacións co Reino Unido, á que exportamos máis de 1.500 millóns de euros cada ano”. “Galicia ten que estar preparada ante a eventualidade dos escenarios que o Brexit abre ante nós”, porque “vai abrir oportunidades para Galicia pero tamén vai constituír un reto para a nosa cidadanía.”

No hay comentarios: