domingo, febrero 12, 2017

FEIJOO: ESTAMOS NUN MOMENTO INMELLORABLE...

Feijóo fixo fincapé en que para conseguir un país unido e vertebrado “é vital que non concibamos España como o puzzle das vontades dos seus 17 presidentes autonómicos, senón como o mosaico dos desexos e necesidades de 46 millóns de persoas”. Durante a súa intervención no debate da Ponencia Económica e de Administración territorial que tivo lugar no Congreso nacional do PP, Feijóo insistiu en que o futuro de España pasa por unha maior simetría na repartición de dereitos e de responsabilidades polo que non se pode “paliar o agravio ficticio e sobreactuado dalgún líder autonómico impoñendo un agravio real sobre o conxunto dos españois”.
Así mesmo, tamén salientou que a Conferencia de Presidentes Autonómicos do mes pasado abriu unha canle de diálogo, en igualdade, entre as comunidades e o Goberno central.
Igualmente, á hora de lograr a vertebración de España, recalcou a importancia dun desenvolvemento ambicioso das infraestruturas para captar máis investimentos, crear máis emprego e facilitar mellores oportunidades.
O PARTIDO DO SENTIDO COMÚN
Tal e como manifestou, os populares teñen unha misión moi clara: deixarlles aos nosos fillos unha España mellor da que coñecemos, ofrecer un modelo coherente de país e ser un partido unido na moderación que demostre sentido común.
“A nosa Ponencia Económica e de Administración territorial é ante todo un documento de sentido común”, engadiu Feijóo indicando que por iso os populares defenden nela a estabilidade orzamentaria. Ademais, resaltou que o PP debe ser o partido da responsabilidade na xestión.
De igual modo que sinalou que os populares defenderán unha España sustentable, “e por iso esta ponencia fala do uso racional dos nosos recursos naturais”, tamén subliñou que reflexionaron moito sobre o principal condicionante do noso futuro e un dos grandes retos estruturais que hai que afrontar: a situación demográfica. “Somos, neste momento, a única forza política capaz de impulsar e articular os grandes pactos que son necesarios para mellorar a conciliación, frear o envellecemento e paliar o despoboamento”, destacou.
FACER POSIBLE O IMPOSIBLE
“Tentamos o imposible e logramos facelo posible”, así se expresaba o presidente dos populares galegos ao lembrar que foi co PP co que nun país que destruía 1.600 empregos ao día pasouse a crear máis de medio millón nun ano, a liderar o crecemento económico na Eurozona e a ser estudado como exemplo de saída exitosa da crise.
A pesar disto, aseverou que aínda queda moito por facer polo que “España necesita máis que nunca un partido cun proxecto político sólido para o conxunto do país”.
Xa para concluír, Feijóo incidiu en que os populares teñen grandes solucións que ofrecer a unha cidadanía que as está demandando. Por iso, “non podemos regalar aos nosos adversarios o noso silencio nos temas que perfilarán a España do futuro”.
“Somos os representantes desa política serena e chea de contido coa que se identifican a maioría dos españois”, recoñeceu mentres mantiña que serán capaces de devolver a confianza na política, nas institucións e no inmenso potencial do noso país.

No hay comentarios: