viernes, enero 20, 2017

O PPdeG SATISFEITO COA CONFERENCIA DE PRESIDENTES

A Conferencia de Presidentes Autonómicos permitiu que os diferentes territorios tiveran a oportunidade de ser escoitados nas súas reivindicacións e necesidades, pero tamén de escoitar as das demais comunidades. A importancia dunha cita coma esta radica en que nela se poñen enriba da mesa solucións e reformas estruturais de fondo calado que serven para afrontar os desafíos que ten o noso país a medio e longo prazo. Neste sentido, o PPdeG celebra que os dous temas centrais que levaba na axenda Galicia fosen tamén os dous fundamentais da reunión, e que ambos se pechasen co compromiso de deixalos resoltos a finais deste mesmo ano: o financiamento autonómico e a crise demográfica.

En canto ao primeiro, destacar que se acadou o compromiso de que o novo sistema se asente en tres principios: o custe efectivo dos servizos, para garantir a prestación dos mesmos a todos os cidadáns, con especial atención a sanidade e dependencia, áreas das que tamén conseguimos que vaian ter unha peza separada neste debate; a multilateralidade, porque España ten moitos centros de decisión que deben ser escoitados en igualdade e xa vimos que a receita dos privilexios a unhas comunidades sobre outras do goberno Zapatero era mercancía estropeada; e a estabilidade, para poder garantir os recursos e manter un modelo que facilite a planificación.
Pola súa banda, en canto á crise demográfica,  se debe ponderar a vontade de ter unha Estratexia Estatal este mesmo ano, na que xogarán un papel central os estudos que Galicia ten realizado xunto con outras comunidades para abordar a cuestión. Miguel Tellado lembrou que para que todo iso se poda facer real, precísase dunha política económica que provoque crecemento, que favoreza a creación de emprego e consolide o círculo virtuoso no que se atopa o país. “Por iso tamén cremos que é importante afondar nas reformas, continuar polo camiño da estabilidade e insistir no que se fixo ben durante estes anos”.
Así mesmo, o secretario xeral do PPdeG dixo que todos os temas que se acordaron onte son positivos, destacando algúns que foron prioridade en Galicia nos últimos tempos, como a Tarxeta Social, o Bono Social ou o Pacto contra a Violencia machista. “Agardamos que Conferencias con este espírito construtivo e este talante teñan continuidade no tempo. Sempre nos quedaremos cun modelo no que todas as autonomías teñan voz e voto, como sucede agora, fronte aos tempos nos que só dous centros de decisión pechaban decisións que nos afectaban a todos os españois”, recalcou.

No hay comentarios: