martes, diciembre 13, 2016

O MODELO DE FINANCIAMENTO NON PODE ESTAR AO ARBITRIO DE POSICIONAMENTOS IDEOLOXICOS

Feijóo reiterou a aposta por un modelo de financiamento autonómico que teña en conta o custo real dos servizos públicos que prestan as comunidades así como unha peza separada sobre o gasto sanitario, incidindo en que ese custo efectivo ten moito que ver co avellentamento da poboación e coa evolución demográfica.
Logo de precisar que o 42% do gasto das comunidades destínase a Sanidade pública, Feijóo puxo de manifesto a necesidade de falar do custo real “porque en Galicia –aseverou, a modo de exemplo- máis do 24% da poboación é maior de 65 anos; porque os facultativos de atención primaria atenden 15 entidades singulares mentres que no resto de España atenden dúas; e porque o transporte escolar na Comunidade é catro veces máis caro que a media de España”.
En resposta ás preguntas dos grupos parlamentarios no Pleno da Cámara, o titular do Goberno galego afirmou que o modelo de financiamento non pode estar ao arbitrio de posicionamentos políticos ou ideolóxicos por parte dos gobernos de turno de cada comunidade autónoma, apostando por un modelo “estable, sustentable e progresivo”.
“Estable, porque non pode haber un modelo suxeito a cambios de forma permanente. E sustentable, porque non vale un modelo onde se lle diga ás comunidades que van ter diñeiro para todo, é dicir, un modelo frustrante e irreal, nin outro que faga das autonomías o parente pobre da estrutura do Estado”, dixo, ao que engadiu que este sistema debe ser, ademais, progresivo, porque debe asumir que haxa un transvasamento solidario entre as rendas persoais máis altas e as máis baixas e, en consecuencia, tamén entre o conxunto das comunidades que forman o Estado das autonomías.
Feijóo afirmou que o Goberno galego defenderá un modelo bo para Galicia e para o conxunto de España, “porque Galicia é unha comunidade seria, responsable e cumpre”. “Galicia defenderá a igualdade porque é positiva para todos e non pediremos máis do que nos corresponde, pero tampouco menos”, aseverou, insistindo na necesidade de cambiar o actual modelo imposto entre o tripartito da Generalitat, o partido socialista de Cataluña e o PSOE de Madrid; “un modelo imposto unilateralmente a todos”.
No eido das infraestruturas, o responsable do Executivo galego asegurou que a transferencia da autoestrada do Atlántico segue sendo unha cuestión irrenunciable do seu Goberno, se ben valorou que tras a reunión, a pasada semana, co ministro de Fomento, Galicia pasase da xestión unilateral do Estado á xestión conxunta da AP-9; e de pagar 6 millóns de euros anuais para financiar as bonificacións das peaxes desta autoestrada a aforrar 186 millóns de euros.
En relación ao AVE, e lonxe de cambiar de opinión, Feijóo afirmou que o tren de alta velocidade ten que estar feito no 2018. Non obstante, destacou a necesidade de valorar o impacto que supón na execución de certos tramos o parón dun ano, como consecuencia dun Goberno en funcións, ao que lembrou que no mes de xaneiro o ministerio de Fomento deberá dar solucións concretas sobre eles.
Sobre o naval, e logo de destacar a importancia de que Navantia entregue o flotel encargado por Pemex en prazo, o presidente da Xunta garantiu o compromiso do Goberno galego cun sector que conseguiu 300 millóns de euros en pedidos e 3 millóns de horas de traballo, así como outros contratos para renovar frota menor, cando Navantia levaba sete anos sen facer un contrato e Barreras estaba en liquidación.

No hay comentarios: