lunes, noviembre 07, 2016

O PP DE PONTEVEDRA INSISTE EN REUNIRSE CO GOBERNO BIPARTITO DA DEPUTACION

Os alcaldes do PP de Pontevedra insisten na necesidade de manter unha reunión co goberno bipartito da Deputación para que lles expliquen que cambios teñen previstos introducir no Plan Concellos do próximo ano. Por iso, a voceira do grupo provincial e alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, presentou hoxe por rexistro, en nome do resto de alcaldes populares da provincia, unha solicitude para manter un encontro, con carácter de urxencia, con Carmela Silva.
Nidia Arévalo pide que convoque a todos os alcaldes da provincia antes do 15 de novembro, ou en todo caso que se reúna cos rexedores locais do PP que son os que están solicitando este encontro, para explicarlles cales son as liñas principais do plan de 2017 e os cambios que están previstos, a distribución dos recursos económicos e a contía que a Deputación destina aos concellos. Ademais, os populares insisten na súa proposta para crear unha comisión na que fixar os criterios de reparto. Critican que hoxe están exactamente igual que hai un ano, coas mesmas incertezas e dúbidas sobre o reparto dos fondos provinciais.
Os alcaldes do PP recordan que levan desde xullo esperando por unha convocatoria de Carmela Silva. Nese momento, solicitaron á presidenta que convocase a todos os concellos da provincia na Deputación de Pontevedra para debater e decidir por maioría as liñas xerais de distribución dos recursos económicos e a contía que se destinaría aos concellos. Transcorridos tres meses, sinalan os populares, aínda non recibiron ningunha resposta, e critican que tiveran que enterarse polos medios de comunicación que o goberno bipartito decidiu, de forma unilateral e sen diálogo, introducir cambios neste plan para os orzamentos do próximo ano. Nesta liña, Nidia Arévalo salienta que o único que reclaman os alcaldes populares é diálogo, que a presidenta se sente con eles e lles explique o que ten pensado facer cos fondos provinciais o próximo ano, pero tamén que escoite o que os alcaldes queren propoñerlle.

No hay comentarios: