domingo, octubre 23, 2016

A XUNTA BOA PAGADORA

Galicia mantense un mes máis entre as comunidades autónomas que pagan con máis axilidade aos seus provedores, segundo ratifican os datos publicados hoxe polo Ministerio de Hacienda y Administraciones Públicas sobre o mes de agosto. O tempo medio de pago situouse en 15,5 días en Galicia, o que supón 25 días menos que a media autonómica, que foi de 40,6 días.
O Ministerio de Hacienda ratifica que Galicia presenta un tempo medio de pago só inferior en tres comunidades autónomas de réxime común (Andalucía, Asturias e Estremadura) e nas dúas comunidades de réxime foral. O informe elaborado polo Ministerio mostra tamén que seis comunidades incumpriron o tempo máximo de pago de 30 días que establece a lexislación.
Galicia mantense un mes máis como unha das comunidades que mellor atende aos seus provedores, axilizando os pagos e evitando problemas de liquidez ás empresas que prestan servizo á Administración galega. Ademais, en comparación co mesmo mes de 2015 o período medio de pago en Galicia é máis baixo, xa que en agosto do ano pasado o tempo medio de pago era de 22,66 días.
Galicia continúa sendo a sexta comunidade autónoma de réxime común con menor débeda comercial, cunha ratio de débeda/PIB do 0,58%, fronte ao 0,43% de media no conxunto das comunidades. Este indicador situouse no mes de agosto en 332 millóns, un 24,4% menos que no mesmo mes de 2015.

No hay comentarios: