domingo, julio 03, 2016

O PARO BAIXA EN GALICIA

O desemprego baixou en Galicia en 21.742 persoas con respecto a hai un ano, o que supón un -9,5%. A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou hoxe os datos de paro rexistrado destacando que por terceiro ano consecutivo decrece nun mes de xuño en comparación co ano anterior o que, segundo apuntou, reflexa que “a creación de emprego estase a consolidar”.
Galicia conta hoxe, segundo engadiu, con menos persoas desempregadas que en marzo de 2009, ao inicio da pasada lexislatura, subliñando que “a Comunidade rexistra menos paro que cando este Goberno da Xunta tivo que facer fronte á crise económica e a dúas recesións consecutivas, 2010 e 2012”.
Esta evolución ponse tamén de manifesto nas afiliacións que subiron con respecto a hai un ano nun 1,48%, o que supón 27 subidas consecutivas desde o mes de abril de 2014 e é un dato superior ao de hai catro anos.
Indicou, así mesmo, que a última vez que diminuíu o paro con respecto ao ano anterior nun mes de xuño foi en 2007, o que demostra, tal e como subliñou, “o cambio de tendencia na evolución do paro rexistrado”. De feito, engadiu que Galicia xa rexistra algo máis de dous anos e medio de baixadas consecutivas interanuais. A secretaria xeral afirmou que, ademais, esta é a segunda maior redución interanual de toda a serie histórica.
Así mesmo, Toca puxo tamén en valor que o paro, ao igual que o mes pasado, volve a baixar en todas as variables: con respecto a maio en 13.144 persoas, é dicir, nun -6%, sendo a maior baixada intermensual nun mes de xuño de toda a serie histórica, desde 1996; en todos os sectores de actividade; nas catro provincias; nas 7 grandes cidades; tanto en homes como en mulleres; e en todos os tramos de idade.
Na comparativa co Estado, Galicia é a terceira comunidade onde máis baixa o paro este mes presentando un mellor comportamento tanto en comparación con hai un ano como co mes pasado.
En canto aos sectores de actividade, o desemprego diminuíu en todos eles, liderando o descenso con respecto a hai un ano a construción nun -15,37% seguido da industria cun -14,61%.
Con respecto ás catro provincias subliñou que decrece en todas elas tanto con respecto ao mes pasado e en comparación con hai un ano. En termos interanuais baixa na Coruña nun -9,66% seguida de Ourense cun -9,40%, de Pontevedra cun -9,39% e de Lugo cunha baixada do -9,33%.
Toca afirmou, ademais, que o número de persoas sen emprego acadou un descenso do -15,6% entre os menores de 30 anos con respecto a hai un ano sendo o tramo de idade onde máis descendeu o paro.
Ante estes bos resultados, Toca salientou que o Goberno galego sigue a traballar a través da Axenda 20 do Emprego para afianzar estes datos e seguir creando postos de traballo estables e de calidade.

No hay comentarios: