martes, julio 26, 2016

GALICIA TEN FUTURO, O NAVAL TEN FUTURO

Feijóo referiuse á situación actual do naval galego destacando que “Galicia ten 19 buques en vigor nos seus estaleiros, o dobre que no ano 2014, ten expectativas de novos pedidos, algúns deles aquí en Ferrol. E ten futuro”.
Durante o acto de entrega das jackets do programa Wikinger, no estaleiro de Navantia Ferrol- Fene, Feijóo precisou que ese futuro “é polo que loitamos todos nós desde as nosas responsabilidades e é o que conseguiron sobre todo os traballadores, que son a mellor garantía do naval, e os investidores que apostan pola marca Galicia”.
Nesta liña, expresou a satisfacción de poder comprobar que os esforzos dos últimos anos serven para xerar riqueza e xerar emprego. “Especialmente –aseverou- nun sector como o naval, que despois dun tempo de moita incerteza, e incluso despois de varios anos sen novos pedidos como no caso de Navantia, ten por fin expectativas fundadas de contar con carga de traballo e con esperanza para seguir xerando investimento e postos de traballo, como fixo ao longo da súa historia”.
Durante a súa intervención, Feijóo aseverou que o Goberno galego seguirá comprometido co sector, “estratéxico para a nosa economía e tamén –nesta comarca é aínda máis evidente- para a nosa forma de vida”. E, sobre este punto, destacou a necesidade de seguir apostando pola innovación: “Somos fortes no naval porque sempre fomos un paso por diante en coñecemento e, por tanto, en capacidade. E debemos seguir manténdonos diante”, incidiu.
Para acadar este obxectivo lembrou que neste momento hai máis de 33 millóns de euros mobilizados “para ir por diante nos circuítos nos procesos e na Fábrica 4.0”. Non en van a Unidade Mixta entre Navantia e a Universidade da Coruña, así como as outras dúas que están funcionado na área de Vigo, ou os 19 proxectos de investigación naval que se desenvolven a través do Innterconecta e o Conecta Pemes son algúns exemplos de que Galicia está no camiño de desenvolver novas tecnoloxías, que permitan seguir mellorando a competitividade do naval e facer realidade a industria 4.0.

No hay comentarios: