miércoles, julio 20, 2016

APOSTA POLA TECNOLOXIA DOS DRONS

Feijóo anunciou que o Goberno galego investirá 24 millóns de euros para a compra pública innovadora de tecnoloxía baseada en avións non tripulados e que teña potencial para solucionar problemas concretos de Galicia. Así, Feijóo recalcou que aumenta ata os 150 millóns de euros a dotación económica do polo industrial e tecnolóxico de avións non tripulados.
Con esta medida se buscan aplicacións tecnolóxicas para “previr e controlar incendios, controlar o medio mariño, mellorar o servizo de gardacostas e a xestión de emerxencias e do territorio”. Ademais, salientou que se vai desenvolver unha plataforma tecnolóxica para mellorar a eficiencia dos controis asociados ás axudas da PAC, promovendo que os realicen avións non tripulados.
Feijóo salientou que se levarán a cabo catro actuacións para a posta en marcha da iniciativa: consultas preliminares do mercado, un proxecto ao que xa se presentaron 95 propostas tecnolóxicas; unas fichas de avance, nas que cada departamento público concretará as súas necesidades tecnolóxicas; un obradoiro no que presentar estas necesidades ás empresas; licitacións da compra de tecnoloxía, que se espera que comecen antes do remate deste ano, e o desenvolvemento tecnolóxico destas aplicacións ata 2020.
Este investimento finánciase nun 80% polo Ministerio de Economía e Competitividade; e o 20% restante corresponde á Xunta, afirmou Feijóo. O presidente da Xunta subliñou que este investimento supón dar “un paso máis na compra pública innovadora, na que Galicia é a mellor comunidade autónoma de España”.
Desenvolvemento do polo industrial de Rozas
Este investimento súmase á dotación económica deste proxecto estratéxico para Rozas que alcanza xa os 150 millóns de euros. Feijóo sinalou que a primeira fase deste proxecto contou cun investimento público-privado de 115 millóns de euros, dos que a Xunta achegou 40 millóns de euros e as empresas 75 millóns. Ademais, paralelamente púxose en marcha o Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas, en colaboración co Ministerio de Economía e Competitividade e co Inta, no que se investiron conxuntamente uns 10 millóns de euros.

No hay comentarios: