martes, julio 26, 2016

A XUNTA ASUME 29 CENTROS DE SAUDE

A Consellería de Sanidade vén de acordar coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) a asunción da xestión dos servizos de 29 centros de saúde que actualmente son propiedade de 25 concellos. Deste xeito, os edificios e terreos cedidos integraranse no patrimonio do Sergas.
Os concellos incluídos no pacto corresponden aos de Carral, A Laracha, Laxe, Vilasantar, As Pontes de García Rodríguez, Cariño, Mugardos, Boiro, Boqueixón, Brión, Carnota, Touro, Folgoso do Courel, Meira, Xove, A Peroxa, Piñor, San Cibrao das Viñas, Xunqueira de Espadanedo, Forcarei, Poio, Ribadumia, Silleda, Mondariz e Redondela.
O seguinte paso para estes 29 centros de saúde, que responden a unha selección e priorización feita pola propia Fegamp, será a revisión da documentación necesaria para levar a cabo o proceso administrativo que corresponde, que establece ademais que cada transferencia de titularidade debe ser aprobada polo Consello de Goberno da Xunta de Galicia.
O acordo asinouse hoxe entre o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o presidente da Fegamp, Alfredo García Rodríguez, nun acto que estivo presidido polo vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda Valenzuela.
Deste xeito, “seguiremos reforzando o noso compromiso polo equilibrio territorial e pola modernización das infraestruturas, para continuar prestando a mellor atención sanitaria, tal e como merecen os nosos cidadáns” asegurou Almuiña.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a importancia desta sinatura, que se enmarca no cumprimento do Pacto Local, que reflicte a boa sintonía entre Xunta e Fegamp, que permite acadar importantes acordos, que benefician ao conxunto dos cidadáns da nosa comunidade, xa que este convenio que hoxe se asina é unha máis das colaboracións que se están a levar entre a Administración autonómica e os representantes dos concellos galegos.
Existe unha canle de diálogo fluída entre o Goberno galego e a Federación Galega de Municipios e Provincias, que permite lograr importantes acordos e mellorar cada día en prol da cidadanía galega, coma a recente sinatura dun convenio para impulsar e favorecer a transparencia dos concellos, especialmente dos máis pequenos. Ademais, de colaboración máis recentes, como o traballo que se leva a cabo para evitar desafiuzamentos, o asesoramento en materia urbanística ou o feito de que cada lei que prepara a Xunta que lle afecta aos concellos se lle solicite informe á Fegamp, sempre ca premisa de que cada un dentro das súas competencias, coordinados e sumando esforzos, traballemos co mesmo obxectivo, que é procurar o mellor para todos os galegos.

No hay comentarios: