lunes, julio 11, 2016

4.6 MILLONS PARA ACCIONS FORMATIVAS EN LUGO

A Consellería de Economía, Emprego e Industria aprobou un investimento de máis de 4,6 millóns de euros para desenvolver accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas traballadoras desempregadas (cursos AFD) na provincia de Lugo durante os vindeiros meses.
Así o explicou hoxe a delegada territorial, Raquel Arias, durante a visita aos cursos que imparte a Fundación Laboral da Construción ao abeiro deste programa e nos que participan preto de 80 alumnos. No acto estivo acompañada, entre outros, polo xerente deste organismo en Galicia, Fernando García Novo, e polo responsable provincial, Ignacio Pérez de Oliveira, así como pola xefa territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Pilar Fernández.
Arias apuntou que no conxunto da provincia aprobáronse 123 accións formativas, das que se poderían beneficiar máis de 1.800 traballadores sen emprego. O obxectivo, indicou, “é facilitar ás persoas traballadoras, preferentemente desempregadas pero tamén ocupadas, unha formación axustada ás necesidades do mercado de traballo que atenda aos requirimentos de competitividade das empresas”.
Ao mesmo tempo, subliñou, “trátase de satisfacer as aspiracións de promoción profesional e desenvolvemento persoal das persoas traballadoras, capacitándoas para o desempeño cualificado das diferentes profesións e para o acceso ao emprego”. Neste sentido, a práctica totalidade das accións organizadas outorgan un certificado de profesionalidade.
A Fundación Laboral da Construción oferta nove accións formativas nas áreas da carpintería e moble, instalacións eléctricas, traballos con pedra ou soldadura. Todas deron comezo no mes de xuño excepto a de montaxe de estadas tubulares, que se iniciará en setembro.
A delegada visitou hoxe aos participantes nos cursos de Acabado de carpintería e moble, montaxe e mantemento de instalacións eléctricas de baixa tensión, e colocación de pedra natural, que xa pasaron a fase teórica e están realizando prácticas nas instalacións do centro promotor.
A programación de cursos AFD foi aprobada en base ás solicitudes dos promotores, que poden ser tanto administracións públicas como entidades sen ánimo de lucro e empresas. Na provincia lucense, concorreron ás axudas para organizar estes cursos 10 concellos, 24 empresas e 9 entidades.
Tan só no municipio da capital están previstas medio centenar de accións formativas, organizadas por entidades como a CEL, a asociación de reparación e venta de automóbiles Aprevar, Cruz Vermella, Cogami, diversas empresas e o propio concello, que imparte dous cursos de atención sociosanitaria a persoas no domicilio, de 618 horas de duración cada un.
Así mesmo, acollen estas actuacións outros 19 concellos da provincia. Na meirande parte dos casos, os cursos xa están en marcha.
Programación en centros propios
A Xunta tamén organiza directamente cursos AFD nos seus centros propios, tanto nos dependentes da Consellería de Economía, Emprego e Industria como nalgúns institutos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Polo que respecta aos primeiros, o Centro de Formación Profesional Ocupacional situado na capital oferta oito cursos, o de Viveiro seis, e a Unidade de Acción Formativa de Monforte ofrece tres.

No hay comentarios: