jueves, junio 16, 2016

O PP QUERE DOTAR DE DESFIBRILADORES OS CONCELLOS DE OURENSE

O PP na Deputación de Ourense presentou o contido das dúas mocións que presentará ao pleno do próximo día 30 e que formulan a redacción dun plan de cooperación cos concellos para a adquisición de desfibriladores e a creación dun inventario do patrimonio artístico da Deputación e a exposición das súas mellores pezas. O vicepresidente primeiro da institución provincial, Rosendo Fernández, e mailo deputado de Cultura, Manuel Doval, presentaron ambas as dúas iniciativas, as cales ditaminaranse nas correspondentes comisións que se celebrarán nesta semana. 
“Propuxémonos como obxectivo conseguir que Ourense teña o estatus de Provincia Cardioprotexida, en coherencia coa visión integral que do noso territorio defende esta Deputación”, dixo Rosendo Fernández ao explicar o contido da primeira das mocións, coa que o grupo popular pretende axudar aos concellos ourensáns na adquisición de desfibriladores que estarían situados nos espazos de maior afluencia de veciños.
O plan de cooperación que nesta materia propón o grupo provincial do PP incluiría unha achega como mínimo do 50 % do custo do aparello, ademais de procurar formación específica para o seu correcto manexo por parte de persoal capacitado.

No hay comentarios: