lunes, junio 06, 2016

FALAR MENOS E ESCOITAR MAIS

Miguel Tellado avanzou que o PPdeG contará coa presenza de Rajoy, de Soraya Sáenz de Santamaría; e coa dos ministros e vicesecretarios do PP na campaña das eleccións xerais que arranca o vindeiro xoves.
Tras confirmar tamén que o acto de inicio, coa tradicional pegada de carteis, terá lugar en Santiago de Compostela, anunciou que formularán unha campaña na que “falaremos menos e escoitaremos moito máis á xente”.
“A cidadanía deixou claro que o panorama cambiou e que teñen inquedanzas novas que queren que sexan resoltas polos seus representantes, por iso o PPdeG sairá á rúa a escoitar aos galegos para tomar boa nota das súas preocupacións”, apuntou Tellado tras presidir o Comité de Campaña dos populares de Galicia para os comicios nacionais.
Así mesmo, fixo fincapé en que se trata dunhas eleccións que “lamentablemente téñense que repetir pola vontade de bloqueo dos partidos da esquerda” e que, a pesar de resultar perdedores, “imposibilitaron que o partido que gañou puidera conformar goberno”. Por este motivo, engadiu que os partidos políticos, antes de pedir o voto, deberían pedir perdón ao conxunto da cidadanía por non ser quen de ter garantido a estabilidade política e institucional do noso país.
Segundo expresou, entenden que a cidadanía estea cansa e sinta frustración por enfrontarse a unha nova campaña, por iso traballarán nun novo formato máis participativo onde se reducirán os mitins, facendo a terceira parte dos se adoitaban levar a cabo nestes procesos.
Nese senso, indicou que non haberá máis dun mitin diario na axenda de Feijóo. “A cambio faremos máis actos de cercanía, de rúa e de proximidade para escoitar e recibir as impresións dos distintos sectores e grupos sociais que conforman Galicia”, dixo.

“Asumimos que nos vai tocar formar Goberno en España e o que máis precisa o PP e ter coñecemento directo das cousas que preocupan á cidadanía do noso país”, aseverou ao tempo que recordaba que, tamén en poucos meses, deberase conformar Goberno na Xunta de Galicia “polo que a campaña ten que servir para tomar contacto cos distintos axentes socias e ir construíndo a continuación do noso proxecto para Galicia”.
Así mesmo, apuntou que os populares galegos levarán a cabo unha campaña coral na que participarán todo o PPdeG, xa que “para Galicia o fundamental non é ter un grupo parlamentario propio no Congreso senón que é ter na Moncloa un presidente galego e que se chama Mariano Rajoy”.
Por outra banda, o secretario xeral tamén confirmou que no día de peche de campaña o presidente do PPdeG ten previsto estar nas catro provincias galegas.

No hay comentarios: