miércoles, junio 29, 2016

DESDE 2009 INCREMENTOUSE NUN 66% OS QUILOMETROS DA REDE DE ALTA CAPACIDADE

Feijóo apostou por seguir contribuíndo ao progreso e ao benestar de Galicia con infraestruturas eficientes e sustentables que reforcen a competitividade do territorio.
Nesta liña, lembrou que cando remate este ano, o 80% dos galegos atoparase a menos de 15 minutos dunha vía de altas prestacións; “e grazas ao esforzo conxunto de cidadáns, xestores públicos e profesionais, será posible, por exemplo, que en dúas lexislaturas de profunda crise económica teñamos incrementado nun 66% os quilómetros da nosa rede de vías de alta capacidade, e, sen impoñer, ademais, ningunha nova peaxe”.
Durante a gala de entrega de Medallas de Enxeñeiros de Camiños, Feijóo garantiu que a Xunta seguirá planificando con responsabilidade e poñendo en marcha obras e servizos que melloren a vida dos galegos, que activen os motores da recuperación e o emprego e incrementen a cohesión social. Todo elo baixo as premisas de crecemento limpo e economía baixa en carbono que marca a Estratexia Europea 2020 e que Galicia ten adoptado como propias.
Nesta liña, subliñou que se seguirá a impulsar a mobilidade sustentable e a intermodalidade no transporte de viaxeiros; “completaremos os eixes de vertebración do territorio, con vías de novo trazado, pero tamén garantido a conservación e a seguridade viaria das existentes; e seguiremos traballando para optimizar as redes de saneamento e abastecemento que serven a toda a poboación galega, garantindo ademais a óptima calidade das augas das nosas rías”.
Así mesmo afirmou que, comprometido coa actividade económica, o Goberno galego continuará fomentando a implantación de empresas e mellorando o seu acceso ás redes de transporte.
Ao longo da súa intervención, o responsable autonómico destacou o labor dos enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos que desde o sector público e privado teñen demostrado o compromiso coa sociedade e a vontade de dar resposta ás súas demandas, poñendo de manifesto que as infraestruturas de progreso non son inimigas do territorio, senón que deben funcionar como factores decisivos para a súa posta en valor.

No hay comentarios: