domingo, junio 26, 2016

ACTO DE ENTREGA DAS MEDALLAS CASTELAO 2016

INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA:
Atopámonos en Europa, convocados por un galardón que leva o nome dun gran europeo, para premiar catro europeos e unha institución europea. Galicia non está en Europa senón que é Europa. En poucos lugares como no noso país séntese que Europa é máis unha idea que unha xeografía.
Os galegos habitamos unha idea fermosa na que se mestura o xermolo democrático de Atenas, o sentido institucional de Roma, o humanismo cristián, a devoción pola cultura de Florencia ou Venecia, o desexo explorador que parte de España e Portugal, a Ilustración que fermenta en París, o liberalismo nado en Londres ou Edimburgo, e o romanticismo de Bon.
A esa sinfonía europea Galicia achega moitos valores, pero sobre todo un Camiño que servirá de iniciación ao europeísmo.
Nas orixes da Unión Europea, máis que un mercado común, hai un sentimento común que comparten os peregrinos a Santiago e que transcende a pluralidade de linguas. A praza do Obradoiro é probablemente o primeiro Parlamento de Europa.
Ao redor do Apóstolo asínanse os primeiros tratados. Desde Compostela irrádiase unha fraternidade europea que crea pouco a pouco unha conciencia, unha vontade e, finalmente unha realidade política.
Alfonso Rodríguez Castelao imaxinou os ‘Estados Unidos de Europa’ no seu Sempre en Galiza. Non era doado manter unha esperanza semellante naquel tempo no que os europeos teimaban en darlle a razón a Thomas Hobbes e ao seu ‘homo homini lupus’.
Pero aquel pai do galeguismo non podía concibir un futuro para a súa terra, para a nosa terra, que non estivese vencellado a Europa. Para as diferentes xeracións de galeguistas, Europa era o destino de Galicia porque Galicia fora o destino de Europa.
“Somos galegos por vocación”, diría Ramón Piñeiro sintetizando un pensamento compartido. Por iso, un fito transcendental da nosa historia foi o reencontro con Europa despois dunha ‘noite de pedra’ que impedía que chegase a nós a luz que xa empezaba a ter o proxecto europeo.
Recuperamos a liberdade, recuperamos o autogoberno e recuperamos o noso sitio na nova Europa, e desa tripla recuperación nace o período máis frutífero deste vello país. Un país que hoxe está aquí representado por europeos cuxa biografía é unha resposta á pregunta que se fai o pensador Amin Maalouf: “por que a afirmación dun, ten que supoñer a negación doutro?”
O escritor contrapón ás que chama ‘identidades asasinas’, esas outras identidades fraternas que se superpoñen, inflúen e enriquecen. Son as nosas. Son as do coro Cantigas da Terra que xa no ano 1954 sente a chamada de Europa e acode á Bretaña francesa para deixar patente unha comunidade cultural.
Cen anos de galeguidade contemplan un grupo que sente os primeiros aplausos no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, para seguir escoitando loas en Suíza, Alemaña, Francia ou nas terras americanas. Cen anos nos que demostraron que se pode internacionalizar a nosa cultura e tradición, sen que perda a súa esencia e sen que deixe de ser propia.
O xurado do Premio Grinzane Cavour, o do Premio Nacional de Literatura ou o do Premio Nadal viron na obra de Alfredo Conde Cid unha achega fundamental á moderna literatura europea. Tamén o viron os encargados de outorgar o premio do Certame Minho-Galaico de Guimaraes, e as editoras que traducen os seus libros ao inglés, italiano, francés ou ruso.
Conde condensa na súa escritura experiencias vitais que semellan novelescas, e que moitos lectores europeos adoptan como súas. Como mérito adicional ten o de participar na non sempre grata vida pública, deixando unha pegada digna de admiración, por exemplo, coa licitación do noso Centro Galego de Arte Contemporánea.
Se temos a Filippo Brunelleschi asociado a Florencia, gran parte da moderna Compostela está asociada a un arquitecto europeo chamado Xerardo Estévez Fernández. Claro que nos tempos do florentino era máis doado modelar unha cidade porque non existían os requisitos democráticos e o consenso cidadán.
El faino con consenso e democracia. O noso galardoado traslada a Santiago as modernas correntes e logra implicar, como el dixo, o Goberno galego de Manuel Fraga e o Goberno de España de Felipe González nun Consorcio que sería e segue sendo fundamental. Fundamental para protexer e rehabilitar a cidade á altura das máis importantes urbes de Europa e fundamental para lograr que se recoñecese Santiago de Compostela como Cidade Patrimonio da Humanidade.
Igual que ocorre con Alfredo Conde, Xerardo Estévez entenderá a política como un binomio de ilusión e realidade. As súas traxectorias como representantes públicos reconcíliannos co verdadeiro sentido da política, que pon o servizo ao país e os intereses xerais por riba de calquera outra cousa.
Unha das estudantes do Centro de Neuroquímica de Estrasburgo, no centro de Europa, era María Teresa Miras Portugal. Os receptores de nucleótidos e a súa influencia en doenzas neurodexenerativas, son a súa especialidade. A súa formación cosmopolita, e unha experiencia de máis de corenta anos, fan dela unha autoridade internacional.
Así o recoñecen o doutorado honoris causa pola Universidade Rei Juan Carlos de Madrid, a medalla Alberto Sols de investigación Bioquímica, o premio María Josefa Wonenburger de investigación científica, e o Premio de Investigación Científica da Comunidade de Madrid.
Xosé Antonio Vilaboa Barreiro demostra que a emigración non é desarraigo, nin tampouco illamento no lugar de adopción. Preside a Federación Guipuzcoana de Casas Regionales e a Enxebre e Pelegrina Confraría da Queimada no País Vasco.
O Peine del Viento, o gran símbolo europeo de Eduardo Chillida, contou coa colaboración deste enxeñeiro de Forcarei, escritor, debuxante, conferenciante e escultor. Contribuíu, por tanto, a facer mellor o lugar onde vive, pero sen que iso lle fixese esquecer nunca que, como tantos outros emigrantes galegos polo mundo, sempre será un dos mellores embaixadores da terra que o viu nacer.
Señoras e señores. Acontecementos recentes alértannos de que a Unión Europea, como calquera outra obra humana, non é irreversible.
A Unión Europea é un desafío aos que entenden as patrias como algo excluínte ou belicoso. Europa proponnos un patriotismo cívico, razoable, amable e compatible con outros.
Iso faino máis forte, pero tamén provoca a xenreira dos seus inimigos, o receo dos que senten nostalxia de nacións pechadas nas que eles poidan despregar as armas da demagoxia. A Europa que estamos construíndo non é un terreo fértil para os dogmatismos.
Por iso, os dogmáticos envoltos en diferentes bandeiras senten unha inmensa ledicia diante dos problemas e dificultades que o proxecto europeo ten. Representan a Europa máis negra do pesadelo, fronte á Europa máis nova da ilusión e o futuro que debemos perfeccionar todos os días.
O propio Alfonso Rodríguez Castelao replicaba a certos críticos sistemáticos, dicíndolles: “non lle poñades chatas á obra mentres non se remata; o que pense que vai mal que traballe nela; hai sitio para todos”.
Hai sitio para todos na Galicia, hai sitio para todos na España e hai sitio para todos na Europa de hoxe.
Desde esta parte esencial de Europa, desde esta Galicia onde Europa non acaba senón que empeza, reafirmamos a nosa fe nun proxecto grandioso que o traballo de millóns de europeos está facendo posible.
Que as xeracións futuras non teñan que dicir que a Unión Europea foi un soño.
É e será unha realidade que cómpre cultivar e defender.
Fagámolo. Moitas grazas.

No hay comentarios: