lunes, junio 06, 2016

39,7 MILLONS PARA OS CENTROS EDUCATIVOS GALEGOS

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia para expoñer as obras que se realizarán, en gran parte este verán, nos centros educativos ao abeiro do Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas 2016-2020 e dos recursos obtidos a través do Fondo de Superávit de Responsabilidade, co que o Goberno central recompensa á nosa Comunidade por ter cumprido o obxectivo de déficit. Serán este ano 2016 máis de 39,7 millóns de euros cos que se realizarán 683 actuacións en 527 centros de ensino de 219 concellos de toda a xeografía galega. Do total das intervencións 431 realizaranse en centros de educación Primaria, 224 en centros de Secundaria e FP e outras 28 nos que imparten outras ensinanzas (conservatorios, escolas oficiais de idiomas, etc). Do total do investimento, algo máis de 20,8 millóns proceden do Fondo do Superavit de Responsabilidade, máis de 15,4 millóns do Plan de mellora das infraestruturas educativas 2015-2020, e máis de 3,4 millóns do orzamento RAM (obras de reparacións, ampliacións e mellora executadas desde as Xefaturas Territoriais da Consellería).
Isto supón que o 47% dos centros públicos galegos de case o 70% dos concellos verán melloradas as súas instalacións, seguindo unicamente criterios técnicos e de poboación escolar. Non en balde, tal e como indicou o conselleiro, as dez maiores inversións realízanse –por esta orde- nos municipios de Lugo, Pontevedra, A Coruña, Ourense, Santiago de Compostela, Vigo, Ames, Cangas, Culleredo e Vila de Cruces; o que deixa patente que non existe ningún tipo de relación de signo político con estes investimentos.

No hay comentarios: