miércoles, mayo 18, 2016

O PPdeG EN MODO CAMPAÑA ELECTORAL

O PP de Galicia comeza os seus traballos de preparación da estratexia electoral de cara ao vindeiro 26 de xuño coa mirada posta en desenmascarar a xestión das mareas. A axenda de traballo do partido para o que resta de semana arranca hoxe cunha reunión do secretario xeral, Miguel Tellado, con alcaldes e voceiros de concellos de máis de 30.000 habitantes e continuará o vindeiro venres coa primeira reunión do comité de campaña.
No tocante á reunión con alcaldes e voceiros, Tellado escolleu reunirse con eles porque representan aos concellos que a día de hoxe coñecen mellor a xestión das mareas. Por tanto son eles os que poden amosar as barbaridades da xestión dunha formación que, unha e outra vez, demostra que a única estación da súa folla de ruta é desaloxar ao PP das institucións.
En calquera caso, e posto que semella que, tanto nas eleccións xerais como nas autonómicas, o principal adversario do PPdeG estará en Podemos e nos seus aliados, en Galicia as mareas e en España Esquerda Unida, é interesante coordinar unha acción conxunta para desenmascarar a súa xestión.
O Comité de campaña celebrará a súa primeira reunión de traballo o vindeiro venres e nela está previsto que comecen a trazarse as estratexias que se seguirán  de cara ás próximas eleccións xerais.
O PPdeG gañou con folgura as eleccións o pasado 20D, obtendo catro deputados máis que a segunda forza nun proceso no que o seu tradicional adversario político, o PSOE, quedou relegado a terceira forza. Este comité marcará os obxectivos para os vindeiros comicios e, sobre todo, os pasos máis axeitados para acadalos.

No hay comentarios: