viernes, mayo 13, 2016

O PP DE LUGO RECRIMINA A BESTEIRO O SEU SILENCIO

O PP de Lugo lamenta que Besteiro perdese, ao negarse a prestar declaración, unha magnífica oportunidade,  de aclarar as sombras que pesan sobre a súa xestión á fronte da Deputación de Lugo e que están a ser investigadas  no marco da Operación Pulpo.
En concreto, o ex líder dos socialistas galegos e ex presidente da Deputación de Lugo está a ser investigado nesta causa, tal e como xa teñen recollido os medios de comunicación, por suborno, prevaricación, tráfico de influencias, fraude ás administracións públicas, fraude de subvencións e tamén por un delito continuado de malversación.
O vicevoceiro do Grupo Provincial do PP de Lugo, Carlos Armesto, considera que era en sede xudicial onde o ex presidente da Deputación podía defender a súa xestión. “Ao non telo feito os cidadáns non poden máis que pensar que ten algo que ocultar, posto que non se entende que non dea as explicacións oportunas ante as graves sospeitas que pesan sobre el” engade.
Os populares pensan que estas explicacións “se fan hoxe máis precisas ca nunca, despois de que o Señor Pulpeiro, outro dos investigados na Operación que instrúe a xuíz Pilar de Lara, recoñecese onte na súa declaración, tal e como recollen os medios de comunicación, que o responsable da actuación que se está a investigar é o Señor Besteiro”.
Armesto engade que ao socialista “se lle enche a boca” dicindo que colabora coa xustiza en todo aquilo que se lle pida, demanda axilidade e hoxe, que ten a oportunidade de defenderse, garda silencio. O popular pregúntase que ten que ocultar o Señor Besteiro e pídelle, polo ben da institución que dea as explicacións oportunas para non seguir manchando a imaxe da Deputación de Lugo.

No hay comentarios: