viernes, mayo 06, 2016

BALTAR ENCONTRA DA POLITICA PIOLLOSA

“Esta vai ser a última vez que comente o bufonismo político dos voceiros de Democracia Ourensana e dos socialistas, xa que eu me dedico a gobernar a provincia traballando en positivo e conseguindo que a Deputación teña o remanente de tesourería máis alto e o endebedamento máis baixo da súa historia, á vangarda dos gobernos provinciais de España”. Manuel Baltar, respostou así as críticas dos deputados da oposición Pérez Jácome e Ignacio Gómez, advertindo que non vai permitir que se metan no que faga na súa vida privada.
“Tanto o bufonista da política como o mentirán oficial, porque a Deputación dixo oficialmente que minte, están a facer unha política piollosa e con lamparóns que non leva a ningunha parte e que é todo o contrario da política de altura que pedín no meu discurso de investidura”.
Hai semanas, engadiu Manuel Baltar, o voceiro de Democracia Ourensana cargou contra unha empresa familiar –Cañas de Maside- “deixándoa a altura do betún porque ten un descoñecemento absoluto da provincia, unha empresa que xa conta dende hai tempo con liñas de negocio en Estados Unidos e coa bendición da administración norteamericana”.
“Agora tócalle a unha empresa de viaxes discutindo o prezo duns billetes de avión”, abondou o presidente do PP, para quen facer política é formar parte da xunta de goberno da FEMP, “onde hai 25 membros das máis de 8.200 entidades locais de España e onde Ourense acude a falar de financiamento, de competencias e de cousas serias”.
Baltar afirmou que non tiña pensado acudir ao partido de fútbol que se xogaba en Madrid, “pero ao coñecer a historia de Pérez Jácome decidín ver o partido, o primeiro ao que vou en toda a tempada e dun clube do que son abonado desde 2007”.
Ambos os dous voceiros da oposición, concluíu, “están para min incapacitados para facer política de altura, cando hoxe teñen máis medios que nunca, máis cartos, máis persoal e máis dedicacións exclusivas, como o señor de Ribadavia (en referencia ao voceiro socialista) que cobra pola Deputación e vai cinco horas ao mes, para mentir despois cando abre a boca e nin siquera asina os documentos que presenta”.

No hay comentarios: