martes, abril 05, 2016

SATISFACCION NO GRUPO PARLAMENTARIO POLA CONTINUIDADE DE FEIJOO

Pedro Puy trasladou  a satisfacción de todos os deputados do PP de Galicia pola decisión de Feijóo de presentar a súa candidatura á Presidencia do partido é, por conseguinte, á Xunta de Galicia. “Existe un amplo consenso neste grupo de que se adoptou a mellor decisión para o conxunto do PPdeG”, asegurou Puy, quen apuntou que servira para “incentivar e seguir traballando porque queda moito por facer nun país con máis de 230.000 desempregados pero que camiña na senda correcta dun traballo que Feijóo ten encabezado nos últimos anos e que o PPdeG vai seguir impulsando”.
Pedro Puy manifestou que a convocatoria do Congreso extraordinario do Partido Popular de Galicia e a confirmación da candidatura do Feijóo para a Presidencia do PPdeG é a continuación do “profundo proceso de reflexión e renovación que se abriu no partido a raíz fundamentalmente do resultado das eleccións municipais”.
Neste sentido, indicou que este proceso deu comezo coa modificación do Goberno galego e da prioridade das súas políticas, centrándose e incrementando as dirixidas á política social; seguiu co debate das ideas no PPdeG a través dunha ponencia política; a renovación das estruturas provinciais do PP en Galicia, coa substitución de tres dos catros presidentes; e rematará coa celebración dun congreso extraordinario.
“A todo isto, súmanse determinadas novas no ámbito económico que tamén son positivas para as políticas desenvolvidas polo Partido Popular, como a concatenación de cifras de crecemento, así como que Galicia sexa unha das tres comunidades autónomas que cumpre os obxectivos de déficit; e o coñecemento hoxe do descenso do número de desempregados, nunha porcentaxe semellante á media nacional”, sinalou.

No hay comentarios: