martes, abril 26, 2016

OS CONVENIOS NA DEPUTACIÓN DE LUGO SEGUEN SIN ABOARSE

O PP de Lugo interésase de novo en pleno de Deputación, ante a falta de actuación do Goberno socialista presidido por Darío Campos, polos convenios pendentes de aboar a concellos da provincia.
En concreto, os populares rexistraron unha pregunta para a súa resposta na próxima sesión plenaria de mañá a través da que interpelan ao presidente socialista sobre cando teñen previsto aprobar as contas xustificativas presentadas polos concellos e o aboamento dos anticipos solicitados polas administracións locais.
O Partido Popular consultou ata noutras dúas ocasións en pleno polo pagamento destes anticipos dos convenios aprobados en xuntas de goberno do 25 de setembro e do 2 e do 6 de outubro de 2015.  Elena Candia, úrxelle a Darío Campos que deixe de “paralizar” a institución e aboe aos concellos as contías pendentes que lles corresponden para que podan levar a cabo as obras e servizos básicos para os seus veciños e veciñas.
A popular lembra que se trata de convenios que responden a servizos tan básicos e necesarios como os de infraestruturas viarias ou os sociais e que se desenvolven en municipios esquecidos durante dúas lexislaturas polos gobernos socialistas e nacionalistas na Deputación de Lugo. Trátase de convenios asinados polo Goberno Popular na Deputación e que intentaron poñerlle fin a anos dun reparto sectario dos fondos públicos e dos que “agora quere presumir o actual responsable socialista da institución, cando nin tan sequera tramitou as contas xustificativas nin aprobou os anticipos de conta”.
Por último, a voceira dos populares lembra que foi o Grupo que ela representa o que logrou que se continúe con estes convenios plurianuais nos orzamentos de 2016, pero “é moi necesario que se paguen os anticipos para que os concellos podan continuar coas obras”.

No hay comentarios: