jueves, abril 28, 2016

O PP SACA ADIANTE A PROPOSICION DE LEI SOBRE O SECTOR DA CONSERVA

O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou, a iniciativa do Grupo Popular, unha proposición non de lei na que se insta ao Goberno galego a desenvolver o plan estratéxico do sector da conserva. O portavoz do Mar, José Manuel Balseiro, indicou que “impulsar novos apoios dirixidos a este sector permitirá consolidar a nosa posición de liderado no mercado, reforzando a implicación social e laboral que esta actividade ten en Galicia”.
O plan estratéxico da conserva, deseñado polo Goberno galego en colaboración cos distintos axentes do sector, pretende ser unha ferramenta que actualiza e integra todas as posibles liñas de actuación e de axuda para o sector. Entre as medidas previstas están as dirixidas a incrementar o valor engadido da produción e consolidar as estruturas empresariais existentes e a posición de liderado nos mercados locais e internacionais.
Ademais, o plan busca potenciar a competitividade a través dunha maior implicación do sector en actividades de I+D+i, respectar o medio ambiente e garantir a estabilidade e calidade do emprego tras superar uns momentos de dificultade neste ámbito.
Outro aspecto relevante deste plan ten que ver co recoñecemento do papel da muller neste sector, con medidas que afondan en aspectos tales como o fomento da contratación indefinida, a determinación de políticas de formación e a igualdade de oportunidades vinculada á conciliación da vida laboral e familiar.

No hay comentarios: