martes, abril 19, 2016

O PP PROPON UN PLAN ESTRATEXICO DA CONSERVA

O PP rexistra unha iniciativa no Parlamento galego pola que se insta á Xunta de Galicia a desenvolver o plan estratéxico da conserva, de tal xeito que permita consolidar a posición de liderado que Galicia no mercado nacional e internacional sen perder a implicación social e laboral que esta actividade ten na Comunidade galega.
O voceiro do Mar dos populares galegos, Jose Manuel Balseiro, acompañado do alcalde de Riveira, Manuel Ruíz Rivas e da tamén deputada popular Hermina Pouso, deron a coñecer esta iniciativa parlamentaria esta mañá en Ribeira, nunha das comarcas galegas onde maior peso e relevancia ten este sector de actividade.
“Apostar pola conserva galega é a súa vez xerar oportunidades para seguir achegando ao ámbito nacional e internacional os nosos peixes e mariscos, singulares produtos gastronómicos de calidade. Permiten tamén a Galicia compartir cos consumidores o mellor que ten, produtos que son imaxe da nosa cultura, a nosa xente do mar, a nosa gastronomía única e, en definitiva, a nosa esencia”, dixo Balseiro.
Balseiro lembrou que o Goberno galego, en colaboración cos distintos axentes do sector, traballou nestas últimas datas na elaboración, redefinición e deseño dun novo Plan Estratéxico para a conserva, que pretende ser unha ferramenta que actualice e integre todas as posibles liñas de actuación e axuda para o sector.

“A Consellería do Mar, consciente da importancia da conserva en Galicia, debe seguir constituíndo un apoio e ser unha firme aliada na procura dunha maior eficacia e rendibilidade económica e social dun sector clave para na cadea de produción mar-industria”, indicou Balseiro.
Entre os aspectos contemplados no devandito plan, e que os populares reclamaron que se desenvolvan, está o impulso dunha serie de medidas destinadas a incrementar o valor engadido da produción e consolidar as estruturas empresariais existentes e a posición de liderado nos mercados locais e internacionais, a través dunha serie de axudas dirixidas, entre outros aspectos, á mellora da comercialización e a aposta por produtos que acaden mellores prezos no mercado
Ademais, o plan busca potenciar a competitividade a través dunha maior implantación do sector en actividades de I+D+i e garantir a estabilidade e calidade do emprego, tras superar un momento de dificultade neste ámbito no que a crise impactou dun xeito determinante ata o punto de sufrir unha reconversión.
Outro aspecto relevante deste plan ten que ver co recoñecemento do papel da muller neste sector, con medidas que afonden en aspectos tales como o fomento da contratación indefinida, a determinación de políticas de formación, e a igualdade de oportunidades vinculada á conciliación da vida laboral e familiar.
Para rematar, Balseiro lembrou que Galicia “vén sendo un referente a nivel europeo e mundial desde hai máis dun século neste eido produtivo, liderando un ámbito que achega ás nosas mans un produto apreciado pola súa gran calidade e listo para consumir, e que deixa tras de si unha longa sucesión de procesos que van desde a súa pesca e limpeza, preparación, envasado, etiquetaxe e posta no mercado”.
De feito, o sector da conserva en Galicia xera case o 3 por cento do Produto Interior Bruto na Comunidade galega, onde operan máis de medio cento de industrias conserveiras que son fonte riqueza e emprego nas localidades nas que están situadas.

No hay comentarios: