jueves, abril 28, 2016

APROBADA A PROPOSICIÓN NON DE LEI DO PLAN GALEGO DE ATENCION AO ICTUS

O Parlamento de Galicia aprobou onte a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a que poña en marcha durante o presente ano un Plan galego de atención ao ictus que homoxeneice a atención nos casos dun accidente cerebrovascular (ACV) ofrecendo unha adecuada asistencia sanitaria coa máxima seguridade ás persoas que sofren ictus, no menor tempo posible e de xeito equitativo para toda a cidadanía galega, creando as unidades de ictus que se precisen.
O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, afirmou que o ictus “é un problema de saúde pública de primeira magnitude”, aínda que apuntou que se trata “dunha emerxencia médica tratable”. “Os extraordinarios avances acadados na coordinación das urxencias extrahospitalarias en Galicia, coa creación do servizo do 061 e dos Puntos de Atención Continuada, cunha dotación de persoal cada vez máis experto e de dotación material importante, teñen sido peza clave para o acceso do paciente á posibilidades de diagnóstico e tratamento impensables non hai moitos anos”, sinalou.
Na súa intervención, o portavoz popular concretou que arredor de 120.000 persoas sofren un ictus cada ano en España, consumíndose nesta enfermidade arredor do 4 por cento do gasto sanitario nacional. Ademais, o ictus é a segunda causa de morte a nivel global e tamén a primeira causa de dependencia en adulto, calculándose que un 44 por cento dos que sobreviven quedan con algún grao de dependencia funcional.

No hay comentarios: