martes, abril 12, 2016

ACADAR A MAIORIA DIFICIL PERO NON IMPOSIBLE

Alfonso Rueda asegurou que o feito de que nin a oposición sexa quen de descartar que o PPdeG revalide a súa maioría absoluta nas vindeiras eleccións autonómicas é un bo punto de partida.
Nunha entrevista concedida á Radio Galega, admitiu que o obxectivo de acadar outra maioría é difícil, pero lembrou que tamén o era en 2009 e lográrono, tal e como volveu ocorrer no 2012. “O que temos que facer é explicar o que fixemos, recoñecer os fallos que tivemos e dicir o que queremos facer”.
No tocante aos posibles candidatos para substituílo como secretario xeral, Rueda aseverou que hai que esperar ata o Congreso autonómico do partido para coñecelos. Así, a diferenza doutras formacións, o mandatario apuntou que no PP non hai autodescartes e sinalou que esa decisión non será unha cuestión de apetencias persoais, senón que entre todos escollerán e apoiarán ao elixido.
Por outra banda, o dirixente tamén afirmou que é unha realidade innegable que a corrupción ten feito moito dano á clase política, e recoñeceu que “seguro que nalgúns casos faltou contundencia”. Malia isto, o secretario xeral afirmou que a xente tamén ve que se toman medidas para que non se produzan novos casos e se esixen responsabilidades onde os houbo. Ao mesmo tempo tamén aclaraba que o camiño tampouco é considerar que todo o mundo é culpable ou que a presunción de inocencia é un dereito que non hai que ter en conta.
Así mesmo, apuntou que os cidadáns tamén empezan a comprobar que todas as medidas tomadas durante a crise empezan a ter un sentido, as cousas comezan a mellorar e Galicia está en mellor situación que outras comunidades.
Por estes motivos, Rueda indicou que, agora mesmo, a previsión é que as eleccións se celebren en outubro, aínda que manifestaba que “formamos parte de España e non podemos ser alleos a súa situación política”. Fronte ao que acontece a nivel nacional, o mandatario resaltaba que ter un goberno con maioría absoluta como o de Galicia é moi importante para tomar unha serie de medidas e que “ese é o valor da estabilidade que da resultados”.

1 comentario:

Anónimo dijo...

a ver como cho decimos:

Pa casa!!!