miércoles, abril 20, 2016

33.2 MILLONS PARA IMPULSAR OS PRODUCTOS AGRARIOS DE CALIDADE

Alfonso Rueda avanzou a aprobación no Consello da Xunta dunha nova achega de 33,2 millóns de euros para impulsar os produtos agrarios de calidade.
Durante a rolda de prensa, Rueda explicou que en total activaranse seis liñas de axudas orientadas a investir en transformar e comercializar produtos agrarios; promover o sector vitivinícola noutros mercados; cubrir os gastos de funcionamento de 24 Consellos Reguladores; axudar á incorporación dos agricultores a réximes de calidade; apoiar actividades de información e promoción realizadas por grupos de produtores no mercado interior; e financiar os programas de calidade desenvolvidos por consellos reguladores de denominacións de calidade agroalimentarias.
Logo de precisar que o orzamento conxunto destas seis convocatorias crece cerca dun 29% respecto a 2015, o vicepresidente do Goberno galego afirmou que este investimento parte da visión do medio rural como un todo, no que cómpre potenciar tanto as explotacións agrícolas e gandeiras como as empresas agroindustriais. Non en van estas últimas xogan o importante papel de dar valor engadido aos produtos do agro.
Así mesmo, Rueda subliñou que o sector dos produtos de calidade factura máis de 300 millóns de euros ao ano e implica a máis de 30.000 explotacións e a 900 industrias.

No hay comentarios: