lunes, abril 04, 2016

1800 MILLONS EN ABASTECEMENTO, SANEAMENTO E DEPURACION DE AUGAS

Feijóo reiterou o compromiso da Xunta coa calidade das augas galegas e subliñou que “entre o ano 2009 e 2020 teremos investidos en Galicia case 1800 millóns de euros en abastecemento, saneamento e depuración das augas”. “O obxectivo está claro: chegar a todos os lugares de Galicia e garantir auga potable e saneamento nos núcleos de poboación superiores a 50 habitantes”.
Durante a visita á estación de tratamento de auga potable e as obras de mellora do abastecemento na Lama e na parroquia de Antas, Feijóo afirmou que estas obras reflicten o compromiso do Goberno galego en materia de abastecemento, saneamento e de depuración. Non en van, lembrou que, só en saneamento, se levan investidos máis de 1.000 millóns de euros desde 2009 “1.000 millóns que están empezando a dar resultados e, se en 2009 o 70% da auga que consumíamos tiña unhas condicións óptimas, hoxe é case o 80% da auga que consumimos” precisou.
Máis polo miúdo, o titular da Xunta lembrou que estes 1.000 millóns de investimentos permitiron realizar máis de 350 actuacións -5 actuacións de saneamento cada mes- que benefician a 163 concellos. “Máis do 75% deses 1.000 millóns destinámolos á construción de 35 novas depuradoras, que dan servizo a 1,2 millóns de persoas, é dicir, case a metade da poboación galega ten unha depuradora nova, construída entre 2009 e 2016”.
No que se refire a obras de abastecemento, Feijóo asegurou que a cifra investida supera os 100 millóns de euros; “o que nos permitiu levar a cabo máis de 150 actuacións”, recordou.
Segundo o presidente da Xunta, esta cifra de 1.000 millóns en saneamento e os 100 millóns en abastecemento fan que se poida falar de “récord histórico de investimento en cinco anos, en materia de augas na Comunidade”.

No hay comentarios: