miércoles, marzo 16, 2016

UNHA BOA NOTICIA PARA AUTOMOCION GALEGA

Feijóo, avanzou onte, durante a clausura da asemblea do Clúster de Empresas da Automoción de Galicia 2016, que a Xunta, PSA Peugeot-Citroën e Ceaga porán en marcha unha aceleradora de innovación no sector da automoción. “Imos continuar coa estreita colaboración que tanto este sector, a través de Ceaga, como a Xunta vimos mantendo estes anos, traballando man a man”.
Durante o acto, Feijóo referiuse así ao Programa Business Factory Auto, unha aceleradora de innovación pioneira en España, centrada exclusivamente no sector da automoción e que nace co fin de impulsar a incorporación de empresas innovadoras á industria do motor para canalizar proxectos de I+D+i que poidan xurdir desas mesmas empresas ou dos Centros Tecnolóxicos e Universidades.
Así mesmo, precisou que, xunto a Citröen, Ceaga, Zona Franca e Xunta, o proxecto contará tamén coa participación de Centros Tecnolóxicos como Gradiant, Aimen, o Clúster TIC e, en maior medida, o CTAG.
Feijóo subliñou que esta iniciativa nace cunha achega conxunta de 4 millóns de euros para a súa primeira edición, co obxectivo de captar un total de 10 proxectos innovadores en fases temperás de desenvolvemento. E constará de catro fases: a fase de convocatoria, para captar proxectos; a de selección, na que se estudarán as candidaturas e se seleccionarán os proxectos; a de aceleración, durante a que se aportarán todos os recursos precisos para acelerar cada proxecto, e a fase de consolidación, á que accederán os proxectos que sexan seleccionados en función da súa evolución e perspectiva.

No hay comentarios: