jueves, marzo 10, 2016

O PP QUERE IMPLANTAR UN SISTEMA DE MELLORA VOLUNTARIA DO RÉXIME DE COTIZACIÓN PARA OS MARIÑEIROS

O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, mantivo en Celeiro un encontro con representantes das confrarías e das organizacións pesqueiras lucenses para presentarlles unha iniciativa parlamentaria a través da que os populares galegos piden implantar un novo modelo de mellora voluntaria do réxime de cotización para os profesionais do mar.
Balseiro reclama que se impulsen os cambios normativos que sexan precisos para perfeccionar o sistema de protección social e laboral dos traballadores da pesca e, en particular, que tras un proceso de diálogo co sector, se estude, entre outras fórmulas, un sistema que permita aumentar voluntariamente as bases de cotización actuais.

PENSIÓNS MÁIS ELEVADAS
O novo modelo traerá aparellado múltiples vantaxes. En concreto, Balseiro destacou como máis relevante un aumento considerable da dotación económica das pensións que estes traballadores recibirán unha vez que accedan á xubilación. Ademais, aclarou que a inmensa maioría dos traballadores en España, cando cumpren os requisitos para acceder a unha pensión, obteñen unhas contías que non difiren substancialmente daquelas que perciben mentres están en activo. “Na pesca non acontece igual con todos os profesionais acollidos ao réxime especial de traballadores do mar, situación que pretende corrixirse mediante esta iniciativa”, sinalou.
A implantación deste novo sistema debe ofrecer totais garantías, para que aqueles que escollan a cotización mínima non poidan verse prexudicados nos seus actuais dereitos.
TRATAMENTO IGUALITARIO
“Aqueles cuxo traballo se remunera polo sistema tradicional de á parte e o resto dos que están circunscritos aos grupos de cotización 2º e 3º (entre os que se inclúen os autónomos do mar) non estarían cotizando polos seus salarios reais, senón pola aplicación dun mecanismo demasiado artificioso de estimacións e presuncións legais que, como resultado final, ofrece contías moi por debaixo da realidade ou, no caso dos autónomos do mar, cinguidas por unha cota fixa, igual para todos eles e inamovible. Esta situación vai en prexuízo destes traballadores e das súas futuras pensións”, explicou Balseiro.
Para corrixir unha problemática similar á descrita, o réxime xeral dos traballadores autónomos permite, desde a súa creación, a posibilidade de escoller unha base de cotización variable, máis acorde coas súas posibilidades, expectativas económicas ou de beneficios (sempre dentro dos límites establecidos en función da idade do traballador). Esta mesma vantaxe está prevista para os traballadores agrarios con conta propia. O portavoz popular indicou que, “para garantir un trato igualitario, debemos ofrecer aos traballadores do mar que poidan acollerse a similares vantaxes das que xa existen para outros colectivos”.
“Consideramos que as mulleres e homes do mar merecen este mesmo trato. Os profesionais do mar merecen a posibilidade de beneficiarse das vantaxes que implicaría un réxime de mellora voluntaria de cotizacións. Buscamos o xeito de ampliar a protección social dos nosos mariñeiros”, engadiu.

No hay comentarios: