miércoles, marzo 30, 2016

O PP NO BLOQUEOU OS PRESUPOSTOS NA DEPUTACIÓN DE LUGO

Elena Candia considera que o debate orzamentario celebrado onte no pleno da Deputación de Lugo responde a “un claro modelo ditatorial, no que o bipartito tratou de limitar as accións dos deputados”. Candia afirma que “a provincia de Lugo non se merece este Goberno na Deputación, pero non será o PP o que bloquee a recepción de fondos aos concellos”.
“Recorren a manobras políticas para evitar incluír as propostas dos outros grupos”, di Candia, quen engade que “é a primeira vez que nos atopamos con que non se votan as emendas no pleno cando existen informes de Intervención nos que se poden interpretar unha posición favorable ás nosas emendas ao Orzamento”.
Ante isto, pediu un receso para coñecer a legalidade deste proceso e confirmar xuridicamente este novo escenario, que non foi aceptado. Polo tanto, hoxe aprobouse un orzamento que “non nace froito do consenso” e en cuxo debate se visualizou que o presidente da Deputación “non controla o Goberno, nin o pleno, nin ten capacidade de diálogo aínda cando lle ofrecen todo para chegar a un acordo á hora de elaborar os orzamentos da Deputación”.
Pese ao esforzo do PP para chegar a un debate dos orzamentos “con normalidade e dar unha imaxe de consenso en beneficio de todos os lucenses, vostede preferiu dar un espectáculo do que os veciños xa están cansados”, lamenta Candia en referencia ao presidente provincial. “Non admitiu que non ten maiorías, nin que non ten capacidade negociadora e deste xeito non vai chegar a acertar no Goberno da Deputación”, engadiu.
A popular lembra que o Goberno provincial bipartito ‘vendeu’ en outubro que ían restablecer a normalidade democrática, presentaron unha proposta dos orzamentos nese mesmo mes no Parlamento e hoxe en marzo “meses despois”, matiza Candia, volven cun proxecto de contas que non modifican, agás algunhas escasas achegas que inclúen por proposta do PP.
O PP pediu un reparto equitativo, xusto e legal dos fondos públicos entre todos os concellos da provincia; con este obxecto solicitouse un incremento do Plan de Obras e Servizos (POS) e do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), o único aspecto modificado no orzamento a proposta do PP, aínda que non na contía que desexaban os populares. O PP tamén conseguiu garantir obras en 33 concellos.
Ademais, dende o Grupo Provincial do PP presentáronse emendas para evitar o reparto dixital das subvencións públicas e que as concesións destes fondos fosen aprobadas polo máximo órgano, o do Pleno, “o que é o máis claro exemplo de respecto á transparencia e da legalidade”, indica Candia.
Por último, os populares solicitaban que se respectasen os acordos que se adoptan en pleno, ou por parte do presidente provincial (tanto do actual como anteriores) e que contasen con informes favorables dos funcionarios correspondentes. “É o sentir común en calquera estado democrático”, esgrime a voceira dos populares.

No hay comentarios: