miércoles, marzo 30, 2016

GALICIA UNHA COMUNIDADE SOLVENTE

Feijóo destacou que Galicia é hoxe unha das comunidades máis solventes: con mellores datos económicos, máis educación pública e con máis servizos públicos, coa atención de 1.100 dependentes máis a partir do mes de abril. “Mantemos un Goberno solvente e estamos intentando sacar Galicia da dobre recesión económica que padecemos durante estes anos”, aseverou, en resposta ás preguntas dos grupos no Pleno da Cámara.
Deste xeito, e nun primeiro termo, Feijóo salientou que Galicia ten mellores datos económicos que a maioría das comunidades, reflectidos nun incremento do PIB, no récord de exportacións e no récord do índice de produción industrial; “e onde había paro e baixas de afiliación á Seguridade Social, agora hai emprego -23.000 parados menos- e se incrementaron as altas”.
No tocante aos servizos públicos, o titular do Goberno galego aseverou que este ano 2016, o 70% dos galegos terán na súa área sanitaria un hospital novo ou un hospital reformado. E, no eido da dependencia avanzou que a partir do mes de abril atenderanse a 1.100 dependentes máis, lembrando así mesmo que se en 2009 a ratio de atención era do 30%, actualmente é do 64%.
“E temos tamén máis educación pública, con menos abandono escolar, con máis prazas de comedores escolares e máis prazas de formación profesional e, hoxe, os universitarios galegos son os que menos taxas pagan de España”.
Durante a súa intervención, Feijóo referiuse tamén ao problema demográfico, “o primeiro problema estrutural de Galicia”, dixo, incidindo no problema do envellecemento da poboación.
Sobre este punto, destacou que Galicia é unha das comunidades autónomas cunha das políticas máis beneficiosas para a dedución por fillos e cun 68% máis de prazas públicas de garderías que ao inicio da crise económica.
Feijóo concluíu a súa intervención facendo fincapé en que Galicia é a terceira comunidade autónoma que menos renda perdeu en converxencia coa UE. Neste sentido, abundou en que Galicia tivo un comportamento mellor en termos globais que a media do PIB español. “A nosa Comunidade perdeu nove puntos de converxencia coa EU no contexto da recesión económica fronte aos 11 puntos que perdeu España, dous puntos máis”.
O presidente da Xunta aseverou que no ano 2015 Galicia está volvendo a converxer con Europa e asegurou que a nosa é unha das rexións europeas nas que máis creceu a economía.

No hay comentarios: