lunes, marzo 07, 2016

FEIJOO DEFENDE A COOPERACIÓN MUNICIPAL

Feijóo defendeu onte a cooperación municipal para evitar que os límites entre concellos sexan un obstáculo para prestar os mellores servizos. “Cómpre que levantemos a vista máis aló das liñas divisorias entre un municipio e o outro. Os límites dos nosos municipios non poden ser unha muralla que nos impida ver os problemas dos cidadáns e os mellores xeitos de solucionalos”, dixo, ao que engadiu que a cooperación municipal “é o mellor xeito de tombar esa muralla”.
Durante o acto de entrega dos premios Coopera Galicia Entidades Locais 2015, e logo de recoñecer a importancia do labor que desenvolven os concellos como a Administración máis próxima ao cidadán, Feijóo recordou que Galicia soubo responder ante a recesión económica cunha palabra: cooperación .
“Traballando ombro con ombro, compartindo experiencia e recursos e pensando nos cidadáns logramos varios fitos”, aseverou, lembrando que o pasado día 22 de febreiro, catorce alcaldes da área Vigo chegaron a acordar a constitución dunha área metropolitana. “E, grazas á culminación deste proceso, medio millón de galegos terán un mellor servizo de residuos colectivo, un servizo de transporte metropolitano coordinado, unha política urbanística común e unha actividade de promoción económica, comercial, turística e cultural conxunta”.
Así mesmo, referiuse ao anuncio do inicio da segunda fusión municipal de Galicia nas últimas catro décadas, “e que pode rematar na unión de Cerdedo e Cotobade”. E, salientou que hai catro anos tamén os alcaldes de Oza dos Ríos e de Cesuras emprenderon a súa fusión voluntaria.
Durante a súa intervención, Feijóo afirmou que o paso do tempo e o apoio cidadán demostraron que o camiño da integración municipal é o camiño correcto. E, nesta liña subliñou que coa súa confianza, “puidemos impulsar importantes cambios legais”. Diante destes feitos, Feijóo asegurou que a aposta pola cooperación municipal “é a porta de entrada ao que pode ser a Administración local española do futuro”.

No hay comentarios: