martes, marzo 08, 2016

FEIJOO CON PAIXON NO DIA DA MULLER

Feijóo avanzou onte que este ano o Goberno galego aprobará por primeira vez un programa de inserción laboral para mulleres vítimas de violencia de xénero. “Trátase dun programa que pretende ser unha vía de acceso ao mercado laboral para quen poida sentir que ten todas as portas pechadas”, dixo, durante o acto institucional con motivo do Día Internacional da Muller, baixo o lema Con mulleres hai Galicia, hai ilusión, hai tenacidade, hai ideas, hai capacidade, hai identidade, hai paixón.
A este respecto sinalou que non nos podemos permitir que ningunha muller que padeza violencia de xénero se sinta desamparada, especialmente nunha Administración como a Xunta que, -tal e como indicou o titular do Goberno galego-, é eminentemente feminina. “Dos 86.000 empregados públicos, 60.000 son mulleres. Mulleres que contribúen na educación, na atención nos servizos sociais e traballan nas distintas consellerías e institucións”, engadiu.
Así mesmo, e co obxectivo de reforzar a atención, Feijóo destacou que a Xunta está en coordinación permanente coas demais administracións –especialmente cos concellos-, para ampliar a rede de cobertura e información que poidan precisar as mulleres que se atopan en situación de vulnerabilidade.
Nesta liña, lembrou que a Lei de medidas urxentes de Administración local, aprobada en 2014, supuxo un importante impulso na prestación conxunta destes servizos porque, entre outras cousas, permitiu ampliar a cobertura. “Deste xeito, se en 2012 só había un par de centros conxuntos que atendían 16 concellos, actualmente son 30 centros os que, de xeito agrupado, prestan axuda a mulleres de ata 117 municipios”, precisou, logo de expresar o seu convencemento de que serán máis unha vez que se aprobe o novo decreto regulador dos CIM “que estamos a elaborar, e que facilitará a constitución deste tipo de entidades de carácter compartido entre varios concellos”.
Por outra banda, e coa finalidade de ampliar os recursos e dotar de maiores fondos as organizacións sociais que atenden mulleres en situación de vulnerabilidade e a aquelas que son vítimas, tamén, da trata –“outra problemática que non debemos esquecer”-; Feijóo precisou que este ano o Goberno galego incrementou eses fondos nun 51%, e case medio millón no caso das asociacións que forman parte da Rede Galega contra a Trata, “ás que a Xunta lles concedeu a Medalla Castelao o pasado ano polo imprescindible labor que desempeñan”.

No hay comentarios: