jueves, marzo 31, 2016

85.3 MILLONS EN AXUDAS A DINAMIZACIÓN DO RURAL

A Xunta destinou no que vai de ano un total de 85,3 millóns de euros a axudas para apoiar a dinamización económica e empresarial do agro galego. Estas achegas van destinadas a impulsar a mellora das explotacións agrícolas, a incorporación de mozos ao rural e á creación de empresas tanto no eido propiamente agropecuario como nos sectores forestal, de transformación e comercialización de produtos e de pequenas empresas de actividades non agrícolas. Así o destacou esta mañá a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, na súa intervención no almorzo informativo Fórum Europa Tribuna Galicia, que tivo lugar no Hostal dos Reis Católicos de Santiago.
A titular de Medio Rural lembrou ademais que, para axudar ás explotacións con dificultades de liquidez, a Xunta ten subscrito dúas liñas de apoio ao acceso e adecuación do seu financiamento, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca. Van dirixidas ao refinanciamento de pasivos e apoio ao circulante e están abertas ata o 31 de outubro de 2016, cunha dotación orzamentaria de 1,6 millóns de euros: 1,2 para 2016 e 400.000 para 2017.
Ángeles Vázquez engadiu que estas axudas súmanse ás xa habilitadas no mes de outubro pasado pola Consellería do Medio Rural de 1 millón de euros ata 2017 para aliviar a carga dos préstamos vinculados á mellora de explotacións e incorporación de mozos e mozas á actividade agraria, da que se beneficiaron ata o de agora 122 gandeiros.

No hay comentarios: