jueves, marzo 17, 2016

330 MILLONS PARAS AS PEMES GALEGAS

Feijóo avanzou que a terceira edición do programa de financiamento Galicia 1000 reforza o orzamento un 10% ata chegar aos 100 millóns de euros, o que permitirá mobilizar 330 millóns e apoiar case 1.500 proxectos de pemes galegas.
“O que buscamos é que ningún proxecto solvente se quede sen apoio”, aseverou, incidindo en que o programa enmárcase na prioridade da política económica da Xunta de fortalecer o tecido empresarial e industrial de Galicia, reforzando o investimento que permita crecer ás compañías, impulsando a súa capacidade innovadora, a súa internacionalización e a súa adaptación á Industria 4.0.
Neste senso, Feijóo precisou que o programa Galicia 1000 encaixa en todas esas liñas, e tamén na Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, que ten como obxectivos crear 50.000 empregos industriais ata 2020 e elevar o peso da industria no PIB ata o 20%.
O titular da Xunta lembrou que esta iniciativa permitiu nos dous anos que leva vixente poñer en marcha máis de 2.000 proxectos na comunidade, mobilizando 400 millóns de euros. E, destacou que a nova edición ten como unha das súas principais novidades a inclusión de instrumentos financeiros innovadores entre as distintas ferramentas das que disporán as empresas, sumándose a liñas como as de capital risco, os préstamos Jeremie e BEI, ou as liñas de avais.
Feijóo concluíu facendo fincapé en que o novo Programa Galicia 1000 conta con maior dotación orzamentaria e con ferramentas renovadas, “co obxectivo de garantir que un proxecto viable en Galicia poda contar cun financiamento público no caso de que cumpra os requisitos de viabilidade e solvencia desde o punto de vista empresarial”.

No hay comentarios: