lunes, febrero 22, 2016

DE OURENSE, POR OURENSE E PARA OURENSE

Un partido organizado, aberto, participativo, dos ourensáns no exterior, transparente, de recoñecemento, que faga provincia e do futuro. Ao redor destes oito eixos articúlanse os dezaseis compromisos que integran o programa que Manuel Baltar, como candidato á presidencia do Partido Popular de Ourense, presentará nas dúas próximas semanas aos 880 compromisarios que participarán no dezasete congreso provincial previsto para o 5 de marzo.
“De Ourense, por Ourense e para Ourense” é o lema do programa do candidato, que se compromete, desde o punto de vista organizativo, a celebrar os congresos locais en Ourense cidade e no resto de concellos que aínda non levaron a cabo este proceso, o congreso provincial de Novas Xeracións e unha campaña de afiliación.
Como partido aberto, Manuel Baltar fai unha nova aposta polas tecnoloxías coa creación dunha aplicación para móbiles e un espazo na web do partido -“O presidente responde”- onde os cidadáns poderán realizar consultas que serán respondidas no prazo máximo de tres días. Neste mesmo ámbito inscríbese o punto relativo á comunicación cos ourensáns residentes no exterior, que tamén terán un apartado especifico na web do PP.
Para promover a participación expón que os membros da xunta directiva propoñan ao comité electoral os candidatos ao Parlamento de Galicia, o Congreso e o Senado, así como a creación dun “buzón lexislativo” no que se recollerán propostas para as leis que se tramiten nas cámaras galega e nacional.
En canto á transparencia, o candidato á presidencia do partido propón publicar na web as declaracións de bens e IRPF dos membros do comité executivo provincial, así como un boletín trimestral de actividades que se difundirá a través do correo electrónico e do portal do PP na internet.
Como partido do recoñecemento, crearase unha distinción anual á mellor iniciativa política formulada polos representantes populares nas institucións e ao mellor afiliado polo seu traballo e compromiso co partido. Manuel Baltar tamén quere facer provincia desde o partido, de modo que inclúe no seu programa a celebración itinerante das reunións dos distintos órganos de dirección populares.
Pensando no futuro, o candidato quere reforzar a estrutura e o traballo do comité de portavoces na oposición co propósito de lograr a maioría absoluta nas eleccións municipais de 2019. Un futuro no que, ademais, quérese potenciar a presenza nas redes sociais e apostar pola innovación tecnolóxica.
Para presentar este programa, durante a semana que agora comeza e a primeira de marzo Manuel Baltar percorrerá a provincia para reunirse cos 880 compromisarios elixidos para participar no congreso do día 5.
Así, o candidato comparecerá esta semana ante os compromisarios de Valdeorras, Trives e Terra de Caldelas, Verín, Celanova, Ribadavia e Carballiño. Xa en marzo farao ante os representantes de Ourense cidade, a mancomunidade de Ourense, Xinzo de limia e Baixa Limia.

No hay comentarios: