martes, septiembre 15, 2015

O PP DE PONTEVEDRA SAE EN APOIO DA ESCOLA DE GAITAS PROVINCIAL

O PP de Pontevedra presentou unha moción na Deputación para apoiar a continuidade da Escola de Gaitas e Percusión da Deputación de Pontevedra, e solicitar ao Goberno bipartito que renove o convenio que permite formar a preto de 700 músicos cada curso. Recordan os populares que hoxe xa son 500 os alumnos afectados, persoas que xa pagaron a matrícula deste curso e que non van poder recibir a formación, cifra á que hai que engadir o alumnado pendente de matricularse no prazo que se abre coincidindo co inicio do curso.
Os populares entenden que o proxecto da Escola de Gaitas e Percusión da provincia de Pontevedra está avalado por anos de experiencia no ensino dos diversos instrumentos (gaitas, zanfona, percusión e pandeireta), traballando na formación de músicos tanto a nivel individual como colectivo a través da banda. Conta con escolas en Vigo, Pontevedra, Lalín, Cangas e Vilanova de Arousa, nas que tamén participan alumnado doutros concellos limítrofes. "Un espléndido e xa consolidado traballo do que o PP sempre se amosou moi satisfeito e que agora está en perigo de desaparecer pola decisión do bipartito da Deputación de Pontevedra, que xa apuntaron aos responsables da escola a súa intención de rescindir o seu apoio", denuncian.
Por este motivo os populares esixen ao goberno provincial a que reconsideren esta postura, e continúe apostando por unha ferramenta que mantén moi viva a tradición musical galega, a súa música e os instrumentos que a compoñen.

No hay comentarios: