miércoles, septiembre 30, 2015

ACTO SECTORIAL CON COOPERATIVAS EN OURENSE

"Quen non escoita non entende e se non entendes non podes acertar despois nas propostas de goberno”. Así explicou Javier Maroto, vicesecretario de acción sectorial do PP, a reunión mantida en Ourense cos representantes dunha decena de cooperativas da provincia, coas que se comprometeu a trasladar as súas inquietudes e propostas para que poidan funcionar máis e mellor e con máis garantías de éxito.
Acompañado por Manuel Baltar, o vicesecretario de acción sectorial comezou a súa intervención enmarcando a súa estancia na cidade no programa Ruta Social, que definiu como unha aposta do PP por saír “máis que nunca á rúa, máis humildes e máis próximos para escoitar as propostas da xente e poder incorporalas ás propostas de goberno”.
Javier Maroto destacou que a recuperación económica e a creación de emprego “están a permitirnos devolver ás persoas todo o esforzo realizado e agora temos que reverter todo ese sacrificio en políticas sociais e a todos os sectores de actividade”, entre eles o cooperativismo “que achega valor e contribúe ao crecemento”.
Nesta mesma liña expresouse o presidente do Partido Popular de Ourense, Manuel Baltar, quen subliñou a enorme importancia que na provincia ten o sector cooperativista, destacando que os asistentes á convocatoria “foron quen de facer chegar propostas relacionadas con dinámicas lexislativas ou de funcionamento, que estou seguro serán tidas en conta pola nosa formación”.
Baltar engadiu que os poderes públicos teñen que xerar as condicións necesarias para fomentar a cooperación –“palabra fundamental en política”- entre as persoas e facer ver á xente as bondades do cooperativismo e que se pode vivir dignamente do campo.
Javier Maroto escoitou con atención aos representantes da decena de cooperativas que se deron cita no centro cultural Marcos Valcárcel, ás que agradeceu a oportunidade de facer un diagnóstico compartido do sector.
Entre as cuestións expostas polos asistentes cabe sinalar a falta de substitución xeracional nas cooperativas polo despoboamento do rural, a necesidade de flexibilizar o número mínimo de socios necesarios para crear a súa posta en marcha, permitir a contratación de máis traballadores por conta allea, reducir os trámites burocráticos, a reforma da fiscalidade, medidas que faciliten o acceso dos mozos á terra para poñer en marcha novos proxectos ou ampliar os xa existentes e, sobre todo, máis formación e información sobre o concepto do cooperativismo.

No hay comentarios: