miércoles, noviembre 26, 2014

MANIFESTO DO PPdeG NO DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER

O PP de Galicia quixo aproveitar a simboloxía do 25 de novembro, día dedicado á ‘Eliminación da Violencia contra a Muller’, para asegurar que segue en guerra aberta contra esta lacra e para transmitirlles ás mulleres que a padecen e aos seus seres queridos que non están sós e que, coa colaboración de todos, hai saída.
"Os populares consideramos fundamental que todos nos impliquemos nesta causa e condenemos enérxica e rotundamente unha infamia que, no que vai de ano, cobrouse a vida de seis mulleres en Galicia e máis de medio centenar no conxunto do Estado.
É unha responsabilidade colectiva actuar contra a violencia de xénero e absolutamente todos, forzas políticas, poderes públicos, institucións, xustiza, Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, medios de comunicación e cidadáns de a pé, debemos formar parte activa dun proceso que non debe rematar mentres haxa unha soa muller que padece malos tratos.
Porque a violencia de xénero non afecta só a quen a sofre en primeira persoa, nin sequera é un problema só das familias e achegados desas mulleres. A violencia de xénero é un problema de todos e cada un dos membros da nosa sociedade e como tal non debemos darlle as costas.
Non podemos mirar para outro lado. Cada golpe, cada insulto, cada ameaza, cada momento no que un home levanta a man a unha muller é un fracaso de todo o país.
Ningunha sociedade avanzará mentres aflore calquera tipo de violencia: sen humanidade e sen respecto non hai progreso.
Por iso, é de vital importancia inculcar ditos valores desde a infancia, afondar nunha educación desde a igualdade que afaste aos máis novos de certas actitudes, loitar para que ningunha agresión quede impune e seguir avanzando na detección precoz dos casos de maltrato.
Neste senso, debemos prestar tamén especial atención ás novas formas de exercer a violencia a través das redes sociais, onde proliferan entre a xuventude situacións de acoso nas que as mozas son as máis vulnerables.
Así mesmo, reiteramos a importancia de denunciar cada caso e de sensibilizar ao respecto. Lembremos que o silencio é cómplice directo da violencia contra a muller e actuemos.
Somos conscientes da triste realidade de que neste momento moitas mulleres están sendo agredidas e humilladas e de que moitas familias e moitos menores están a sufrir as consecuencias desta aberración. Por iso, non descansaremos nin nos conformaremos mentres os balances de mulleres maltratadas e asasinadas amosen cifras distintas a cero.
Polo tanto, insistimos na necesidade de loitar todos xuntos por que a violencia de xénero sexa un mal do pasado sen cabida no noso futuro.
O obxectivo de erradicar a violencia de xénero non debe ocupar só unha data marcada en vermello no calendario, senón as 24 horas dos 365 do ano."

No hay comentarios: