lunes, febrero 10, 2014

ANTONIO BOUZA PRESIDENTE DO PP DE VIVEIRO

Antonio Bouza foi elixido esta fin de semana presidente do PP de Viveiro nun congreso local, no que encabezaba a única candidatura presentada. A súa lista recibiu o 98,41 por cento dos votos: 124 foron a favor da candidatura e dous, en branco. O PP de Viveiro quixo mostrar a súa unidade integrando na candidatura gañadora a Mariña Gueimunde, quen se tivo que retirar da carreira pola presidencia do partido ao serlle anuladas as sinaturas de varios avalistas, que non figuraban ao día no pago de cotas ao partido. Gueimunde será a secretaria de organización do PP viveirés. Antonio Bouza comprometeuse a traballar dende a unión, que definiu como clave para acadar os obxectivos marcados. "Viveiro é mellor dende o PP. Facemos falta todos". Bouza contou co respaldo no acto de Feijóo, quen asegurou que o PP é a única forza que garante a estabilidade que necesita Galicia e que merecen os galegos. Feijóo celebrou que o PP se dedique ao que se ten que dedicar para non caer nos problemas que teñen as forzas da oposición. O presidente saínte do PP de Viveiro, César Aja, deu conta do feito polo PP ao fronte da alcaldía e mostrouse seguro de que o equipo elixido saberá dirixir os destinos do partido para lograr metas como recuperar a alcaldía. Aja destacou a pulcritude dos gobernos locais que presidiu, un comentario relativo aos "bulos e rumores que se levan escoitado no tocante a temas xudiciais". Xosé Manuel Barreiro, pola sua banda, afirmou que non se pode entender a historia de Viveiro sen César Aja e cualificou o conclave como un acto de unidade e que ten unha única finalidade: que Viveiro volva a ser un referente en toda a provincia e Galicia.

No hay comentarios: