martes, diciembre 17, 2013

MANUEL BALTAR DEU CONTA DOS ORZAMENTOS DA DEPUTACIÓN NA XUNTA DIRECTIVA DO PPOU

Outro dos asuntos que se abordaron durante a Xunta Directiva do PPOU estivo relacionado cun dos compromisos adquiridos por, Manuel Baltar, relativo a que os cargos públicos do PPOU den conta periódicamente do seu traballo nas diferentes administracións. Deste xeito, Manuel Baltar explicou aos membros da Xunta Directiva Provincial dos populares os Orzamentos para 2014 aprobados na Deputación, así como un balance do Plan Ourense 92. Así, Manuel Baltar explicou que o presuposto será de 73,7 millóns de euros (un 11,14 % máis que no exercicio de 2013, que foi de 66,3 M €), destacando un incremento dun 40 % de recursos propios destinados a investimentos, máis de 14 millóns de euros. Ademais, os concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes (91, todos agás a capital) verán incrementados non 61 % os fondos que achega a Deputación para o Plan de Obras e Servizos; cada un deles recibirá por este concepto 50.000 euros, fronte aos 31.000 euros deste ano. Outra novidade importante está no apartado de persoal, xa que o gasto neste capítulo descende ata o 37,5 % (27.650.000 €), fronte o 41,75 % do presente exercicio. Dentro do montante previsto para 2014, 7.000.000 € corresponden ás retribucións do persoal de Vías e Obras, polo cal, de non contabilizarse esta partida o gasto de persoal descendería outros dez puntos, ata situarse en pouco máis do 27 % do orzamento total. Manuel Baltar, quen cualificou estes orzamentos como "os da colaboración por unha xestión eficiente e uns servizos de calidade" explicou que as prioridades centrais dos orzamentos de 2014 serán os servizos sociais, o medio ambiente, a cooperación cos concellos e seguir desenvolvendo o Plan de Estratexia Operativa OURENSE 92. Precisamente, no tocante a este plan, o presidente provincial abundou en que que os obxectivos marcados dende o inicio do seu mandato "estanse a cumprir segundo o fixado". Baltar dixo que coa posta en marcha deste plan "acadouse unha maior disciplina orzamentaria, e apostouse pola tecnificación e cualificación da administración provincial, así como por unha estrutura organizativa máis racional e eficiente". Tamén anunciou que ao remate de 2014 a Deputación de Ourense terá reducido seu endebedamento en máis da metade, pois nestes momentos está no 69,7 % (46 puntos menos que en decembro de 2011, data na que se situaba nun 116 %), e preténdese chegar ata o 53,97 % (en total 62 puntos menos). A este dato hai que engadir tamén que a eficiencia na xestión económica permitiu reducir o prazo de pago a provedores de 120 a 40 días, favorecendo así a axilidade no cobro por parte destes, e no que atinxe a persoal, Baltar deu conta dunha novidade referida aos tribunais de oposición, que contarán con membros designados por sorteo e que pertencerán a outras administracións públicas. Manuel Baltar citou entre as accións máis relevantes do Plan OURENSE 92 a posta en marcha do Plan de servizos sociais BenOurense, a creación do Consorcio de Augas de Valdeorras e do Observatorio Económico Provincial, así como da Central Provincial de Compras -xa operativa-, e no apartado de medio ambiente a creación da Rede de Municipios Sostibles. Tamén destacou a disolución de Urbaourense e a externalización dos centros ecuestres.

No hay comentarios: