jueves, diciembre 05, 2013

BOICOT DO PSOE OS ACORDOS XUNTA-FEGAMP PARA REDUCIR O CANON DE SOGAMA

Paula Prado lamenta que o boicot do PSOE aos consensos entre a Xunta e a Fegamp vaia custarlle aos concellos galegos 6,6 millóns de euros o próximo ano. Esta cantidade representa o aforro que tería para os 296 municipios incluídos en Sogama atrasar a subida do canon tratamento de lixos ao 1 de xullo, tal e como acordaron o pasado venres os portavoces da Fegamp co conselleiro Agustín Hernández, e do que hoxe se desmarcaron os socialistas. “Besteiro impide que os concellos poidan aforrar 6,6 millóns de euros en 2014”, explicou Paula Prado, “porque ao atrasarse a xullo a subida do canon, esta pasaría a ser do 17% nos doce meses e non do 34% como estaba previsto inicialmente no plan de viabilidade de Sogama”. Prado lamentou que o voceiro socialista na Fegamp avalase esta medida o pasado venres na reunión co conselleiro Hernández “e apenas cinco días despois, Besteiro ceda ás presións do sector máis radical do partido e rompa un consenso que xeraba aforro nos concellos e nos cidadáns”. “A palabra do líder do PSdeG xa sabemos canto dura”, engadiu a voceira popular, “está a sentar precedentes preocupantes se o que pretende é forxar grandes acordos de país”. “Besteiro é un líder sen criterio á fronte dun partido que non é de fiar”, afirmou. “É inaudito que alguén que procede do mundo municipal, que presume diso, e que preside unha deputación provincial torpedee medidas como a que acordaron a Fegamp e a Xunta para paliar o impacto desta subida nas economías dos concellos”, lamentou Prado. “Non só non expuxeron unha alternativa real a Sogama máis alá de anunciar a insubmisión no pago deste servizo, senón que bloquea as solucións que se alcanzan e que benefician a todos”. Para Paula Prado, “é incomprensible que o PSdeG solicitase no seo da Fegamp unha subida graduada, e cando a Xunta ofrece esta posibilidade a rexeite por interese político, desentendéndose do prexuízo que se lle ocasiona aos cidadáns dos 296 concellos adheridos ao modelo de Sogama”.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Vota partido escaños en blanco

http://escanos.org

https://es-es.facebook.com/escanosenblanco

http://www.votoenblancocomputable.org