lunes, septiembre 16, 2013

RENOVACION NO PP DE CELANOVA

José Luís Ferro Iglesias foi elixido esta fin de seman novo presidente local do PP de Celanova co 100% de apoio dos compromisarios reunidos no salón de actos do mosteiro de San Salvador en Celanova. Ferro agradeceu o apoio masivo recibido polos electores populares do congreso afirmando que afronta con humildade, gratitude e ilusión esta responsabilidade para que Celanova siga a ter unha maioría popular. Do seu programa enumerou a modernización do partido, a potenciación das novas tecnoloxías, abrir a sede do PP aos cidadáns, para que sexa un punto de referencia na vila, e potenciar o contacto cos pobos do rural. Pero, por riba de todo, Ferro dixo que a comunicación directa cos veciños será a súa máxima dedicación "para que entre todos fagamos un PP e unha Celanova máis grande". O congreso, ao que asistiron unhas duascentas persoas entre afiliados e simpatizantes do PP de Celanova, foi clausurado por Manuel Baltar, quen no seu discurso afirmou que que hoxe é un momento difícil para facer política, "pero cando faltan recursos é verdadeiramente cando se necesita unha política con maiúsculas para xestionar con eficacia e rigorosidade". "Os populares somos máis –engadiu Baltar- porque somos quen de presentar sempre propostas en positivo e por iso temos o apoio electoral que sempre os cidadáns nos dan elección tras elección". Tanto Ferro como Baltar tiveron palabras de agradecemento para Antonio Mouriño e concordaron que agora se inicia no PP de Celanova unha nova etapa chea de retos e proxectos ilusionantes. As seguintes citas congresuais do PPOU no mes de setembro serán en Pereiro de Aguiar o vindeiro venres, día 20, ás 19.00 horas, no salón de actos do Centro de Día de Os Gozos. Posteriormente, o día 25, terá lugar o congreso local do PP en Pobra de Trives, e o día 26 en Coles. Durante o mes de outubro se celebrarán congresos locais en Allariz, Quintela de Leirado, Castrelo do Val, Xunqueira de Espadanedo, Cualedro, Nogueira de Ramuín e Baños de Molgas.

No hay comentarios: